Unha asociación pantonesa traballa na recuperación do Entroido do Cabe

Segredos de Pantón sacou do esquecemento unha antiga celebración de tres parroquias
Figura dos Van de Branco e dúas imaxes de farraquíns, farrampláns ou mecos. SEGREDOS DE PANTÓN  SONIA ÁLVAREZ
photo_camera Figura dos Van de Branco e dúas imaxes de farraquíns, farrampláns ou mecos. SEGREDOS DE PANTÓN SONIA ÁLVAREZ

Un colectivo chamado Segredos de Pantón está a traballar para recuperar o Entroido do Cabe, unha antiga festividade que tiña lugar en tres parroquias da vila. A investigación afondou na celebración e os seus personaxes.

O gran obxectivo da asociación é que o do Cabe volva ser un Entroido característico da Ribeira Sacra. Os integrantes están configurando as vestimentas duns personaxes que foron ilustrados pola soberesa Sonia Álvarez Carnero.

Había dous e tiñan distintos nomes. Os primeiros eran os Van de Branco, chamados noutras zonas Dama e Cabaleiro ou Mázcaras.

A ilustradora Sonia Álvarez deseñou como eran os personaxes típicos dunha festa perdida

Segredos de Pantón precisou que algúns eran feitos para lucir a roupa boa coma os traxes. No peito, poñían bandas con encaixe feitas con almofadóns. Levaban tamén sombreiro cónico con bandas de cores e careta de cartón.

Outros homes ían de de branco con pantalón elaborado con fundas de almofada, camisa, unha toalla atravesada e un capucho de cartón con cintas por riba. Algúns usaban igualmente un bastón.

As mulleres vestían unha gran saia fabricada con sabas e unha blusa ou xersei de manga longa. Na cabeza lucían sombreiros masculinos de pano forrados de branco e un tapete de cores. A cara cubríase cun pano fino cortado á altura dos ollos e ás costas portaban unha colcha atada ao pescozo.

Pero os reis destas datas eran os farranquís, farrampláns ou mecos, que participaban noutros eventos. Estaban feitos con trapos e teas vellas e levaban cencerros na cadeira, unha barra na man e caldeiros con cinsa.

O MAPA DA FESTA. O Entroido do Cabe era típico dos lugares da Arribada (parroquia de San Fiz de Cangas), Frontón, Lornís e Seragude (San Xoán de Frontón), e Budián (San Romao de Acedre).

Segundo Segredos de Pantón, ao Entroido da Arribada chegaba xente de todas as aldeas da freguesía e mesmo doutras parroquias. En Frontón, a festa era nun patio con música de acordeón e gaitas.

En Acedre, para avisar do comezo colocábase un pano pintado con lama na entrada do lugar de Budián. Despois paseábase o Entroido por toda a parroquia.

Ademais, por estas datas facíanse tres tipos de obra de teatro. Nas Partixas simulábase a división das fincas, nos Casamentos un cura levaba un touciño por diante e outro por detrás e nos Partos, os homes facían de mulleres con cebolas colocadas nos peitos e un gato posto na barriga.

Comentarios