O Pazo de Tor sacou do esquecemento sete estancias que estaban pechadas onde vivían as mulleres que traballaban no servizo da casa. A través do programa Soterradas, estes espazos quedan abertos ao público que visite o museo monfortino, que contará así, segundo describen dende a dirección, cunha perspectiva de xénero e social.
Parte do relato transmitido a través destas sete estancias provén das vivencias e historias contadas por Ángeles Rivada, Angelita. Ela mesma traballou no servizo do Pazo de Tor, no que entrou con nove anos e onde permaneceu ata a súa xubilación, mesmo despois da cesión da casa á Deputación de Lugo, logo do pasamento en 1998 da súa última propietaria, María Paz Taboada de Andrés y Zúñiga. De feito, Angelita foi a primeira guía do museo, aberto en 2006.

Os dous cuartos propios de Angelita son parte deste itinerario que visibiliza a importancia das mulleres no Pazo de Tor. Trátase de dúas estancias situadas nunha segunda planta. Nelas durmiu, tivo os seus fillos e criounos.
COMEZO. Unha habitación na que se gardaban as ferramentas, sobre todo destinadas á labranza, é a primeira parada da viaxe polos lugares do servizo do Pazo de Tor. A continuación, o visitante descobre onde durmían as mulleres, en tres pequenos cuartos sen portas, separadas das zonas comúns por cortinas.
Á saída dos dormitorios -que conservan as camas- hai cestos para gardar a roupa e unha pandeireta, elemento estrela do ocio das mulleres en Galicia, colgada. Avanzando, o público chega ata unhas escaleiras de uso exclusivo do servizo para rematar no cuarto de teares.
Esta última estancia é unha das máis importantes do percorrido. Nela gárdanse as ferramentas que servían para tecer e tamén varios mantelos recuperados para ser protagonistas do itinerario.

Esta prenda identificaba as mulleres do servizo. Facíana de picote (unha mestura entre la e liño) e era abrigosa e impermeable. Cando alguén vía con ela a unha muller sabía que era unha traballadora do pazo e que levar posto un montelo permitíalle ir cumprir coas súas obrigas ás leiras ou o monte.
Con estas salas, o proxecto Soterradas trata de enxalzar o servizo, sen o cal a vida dos señores non tería tido sentido. Un labor tapado e invisibilizado, pero necesario, imprescindible para o día a día.
Así, a Rede Museística Provincial de Lugo muda o discurso do Pazo de Tor. Soterradas, unha iniciativa tamén presente no museo fortaleza de San Paio de Narla (Friol), supuxo un traballo de tres anos para recuperar a memoria de mulleres esquecidas e sacar á luz un discurso que ata o de agora non fora contado pola historia.