"Os artistas alucinan cos escenarios do Courel Son"

Marcos reinoso preside dende hai cinco anos a asociación que organiza este ciclo de concertos de jazz e blues. O colectivo ten uns 70 socios, de idades e sectores moi variados.

Reinoso naceu en Vigo, pero soubo que O Courel era «o meu lugar» a primeira vez que estivo na serra. EP
photo_camera Reinoso naceu en Vigo, pero soubo que O Courel era "o meu lugar" a primeira vez que estivo na serra. EP

O ciclo de concertos Courel Son regresou con forza. A Asociación de Desenvolvemento Serra do Courel, presidida por Marcos Reinoso, volve levar o mellor do jazz e o blues a escenarios naturais que os músicos valoran moi positivamente.

A primeira das seis actuacións foi en Vilamor, que valoración fan?
Estivo moi ben. Era o único concerto en Galicia de Mingo Balaguer e Pablo Sanpa, que viñeron dende Sevilla a propósito. Tanto eles como o público quedaron encantados. Nós quixemos comezar en Vilamor porque coincidía coa feira de artesanía e porque foi unha das zonas máis afectadas polos lumes.

Precisamente, o lume obrigounos a suspender o concerto de Vilamor o pasado ano.
Si, foi moi difícil. Tivemos que cambiar as datas e só puidemos manter dous concertos.

Ao Courel Son veñen auténticos referentes do jazz e o blues.
Si, son figuras internacionais e alucinan cos espazos nos que tocan. Logo falan do Courel e cada ano temos máis chamadas de xente que quere vir tocar. Nós non poñemos escenario, os escenarios son as airas, os soutos e as propias aldeas.

Que impacto ten este ciclo de concertos nas aldeas?
Cando comezamos, en 2018, había moi pouca xente nos concertos, pero este ano case todas as aldeas nos pedían un concerto e todas se involucran co Courel Son. É bonito ver como se xunta xente do pobo coa que vén de fóra! Moita xente non estaba familiarizada con este estilo musical, pero agora desfrutan moito e estas xornadas son moi especiais.

De onde proceden as persoas que se achegan a estes concertos?
Ademais do Courel, vén xente dende toda Galicia, do Bierzo e, no verán, de Madrid e da zona do Levante, que asisten aos concertos e aproveitan para coñecer O Courel. Recibimos chamadas preguntando canto custan as entradas. Son gratuítas, porque o noso obxectivo é que a xente goce do concerto e da zona, coa música como escusa.

Supoño que xa están pensando na vindeira cita, a de Miraz.
Si, vai ser o sábado 3 de xuño, con Abe Rábade e Davide Salvado. Farémolo no medio do souto e temos a intención meter un piano de madeira entre os castiñeiros para que toque Abe, que estreará o seu último traballo, inspirado no Courel e nas paisaxes galegas. Aproveitaremos para facer unha xornada de recollida de lixo, explicar os coidados dos soutos e o día seguinte visitaremos a Fundación Uxío Novoneyra.

Que máis actividades paralelas á música teñen previstas?
En Vilamor vimos orquídeas e quedan actividades de micoloxía, sobre o oso pardo, para dinamizar a aldea de Vieiros e outras relacionadas co xeoparque.

Como se presenta o verán a nivel turístico no Courel?
Agardamos que sexa mellor que o ano pasado, que non é difícil entre o lume e a estrada afundida, pero será complicado igualar os anos da pandemia. Penso que xullo e a primeira quincena de agosto será cando máis xente veña.

Comentarios