A arte de etiquetar despois de imaxinar

Unha asociación do Saviñao organizou un concurso consistente en deseñar imaxes coas que decorar as botellas de viños locais ficticios
A entrega de premios tivo lugar na antiga escola de Montecelo, no Saviñao. EP
photo_camera A entrega de premios tivo lugar na antiga escola de Montecelo, no Saviñao. EP

Os viños do último concurso ideado pola asociación cultural Artística Sacra Art (Acasa) do Saviñao non se elaboraron logo do traballo nunha viña, senón na mente dos participantes. O obxectivo deste particular certame era imaxinar un caldo producido na Ribeira Sacra para deseñar posteriormente a súa etiqueta.

Esta é a segunda iniciativa dun colectivo que xa sorprendeu a todo o mundo hai uns meses cunha exposición na aldea abandonada de Bexán. O exterior das casas deste núcleo de poboación da parroquia saviñá de Diomondi apareceron un bo día decoradas con imaxes dos seus antigos habitantes.

Agora, o concurso EtiquetArte chegou, sobre todo, a persoas que residen fóra da Ribeira Sacra a través das redes sociais. A participación, segundo conta o presidente de Acasa, Nacho García, foi todo un éxito. "Se animó gente de Valencia, Bilbao o Madrid y alguna ni siquiera vino nunca por la comarca", indica un dos impulsores desta iniciativa, quen engade unha das metas era descubrir que visión hai da Ribeira Sacra e dos seus viños máis alá dos seus lindes e saber que idea teñen as persoas cando se lles pide que imaxinen un caldo feito por estas terras.

Os gañadores xa se coñecen e recibiron os seus premios, consistentes en lotes de viño entregados polas adegas da denominación de orixe Algueira, Moure e Lareu. Houbo cinco categorías. Na de Rosado venceu Romina Caamaño, na de Tinto, Sonia Barreiro; e na de Branco, María Vega. Tamén houbo galardón á participación para Jaime Sánchez e un á idea global que caeu en mans de Martín Lasa.

OBXECTIVOS. Acasa (asociación creada en agosto de 2021) non chegou aínda ao ano de actividade, pero parece que xa vai camiño de ser un grupo moi influente. Naceu con moitos folgos e ten numerosos proxectos en mente.

Nacho García avanza que haberá unha segunda edición deste particular concurso. O colectivo, composto actualmente por 15 socios, tamén ten a intención de organizar un festival o vindeiro verán no Saviñao.

Pero, sen dúbida, o seu obxectivo máis importante é contar coa escola de Montecelo (en Diomondi) para habilitala como sede e centro para as súas operacións. "Nos gustaría que en un futuro, cuando funcione el albergue proyectado en Diomondi, los peregrinos dispongan no solo de un sitio en el que dormir, sino también de un lugar donde disfrutar de un concierto o ver una exposición", di Nacho García, quen apunta que a devandita escola debe ser restaurada antes.

O presidende de Acasa, colectivo cun ámbito de actuación que se estende por toda a Ribeira Sacra, subliña que a gran meta da asociación é divulgar e ofrecer un espazo "a todas las personas de la Ribeira Sacra que crean", así como asegurar alternativas de ocio "más allá de estar en los bares". Un exemplo son as clases de canto organizadas pola asociación coa idea de poder formar un coro no futuro.

Comentarios