Anxo González Guerra: "Quen me ía dicir a min que de xubilado acabaría no 'Luar'!"

Mestre de Galego de varias xeracións en Pontevedra, dende o mes de febreiro vén conducindo unha sección propia no programa de TVG. Wikipedista e responsable de ogalego.gal con Vitoria Ogando, o lucense tamén aparece nos agradecementos do último disco de Ortiga
Anxo González Guerra, mestre. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Anxo González Guerra, mestre. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Nacido en Trasar de Carballo, Carballedo (Lugo), e criado no Incio, Anxo González Guerra (1955) considérase xa medio pontevedrés. Aquí chegou en xaneiro de 1980 para dar as primeiras aulas de Galego que se impartiron no IES Sánchez Cantón. E aquí mesmo se xubilou en 2015, despois de, entre outras cousas, recibir en 2013 o Premio Nacional de Educación polo seu traballo sobre as novas tecnoloxías aplicadas á docencia. Wikipedista (súas son arredor de 500 entradas da Galipedia) e responsable da web ogalego.gal xunto a Vitoria Ogando, pola que recibiron o Premio Xoán Manuel Pintos, dende este ano forma parte dos colaboradores do programa Luar (TVG).

Como acaba un mestre de Galego sendo unha estrela do Luar?
Estrela non, pero aí estou. Para min tamén foi algo sorprendente. Un día chamáronme e pregúntanme se quería ir ao Luar para comentar as voces que temos para falar cos animais. Sospeito que algo diso viu alguén na nosa web, o galego.gal. Como agora son un mestre xubilado, sempre que me chaman para calquera cousa relacionada coa lingua e coa literatura alá vou. Parece que lles gustou como saíu e seguíronme chamando. Propuxéronme facer como unha aula, pero cun alumnado variadísimo, de artistas e de famosos. E falar cada vez dun tema. Estou indo cada tres semanas e procuro facer o que facía nas miñas clases: contar cousas interesantes e que resulte entretido.

E como levan este salto á fama os máis achegados?
Dígoche unha cousa, o Luar veo moita máis xente da que di que o ve. Polo momento teño a sorte de que ninguén me recoñece. Como ando coa máscara e coa gorra...

"Ortiga é fillo dun curmán e un rapaz que coñezo dende neno. Soubo combinar moi ben a tradición de Carballedo, a cumbia e a música moderna. E con iso fai bailar a todo o mundo"

Á parte de profesor xubilado, é vostede wikipedista. Sabes que pasa?
Que eu tiven a sorte de ter tido moi bos alumnos. Un deles é Adrián Estévez, que é administrador da Galipedia. Foi el o que me animou a crear unha conta de usuario e empezar a traballar. E niso estou dende 2017. Dedícolle moitas horas, pero con moito gusto. Case todo na Galipedia, pero tamén teño editado entradas en español ou en éuscaro. O mellor que ten a Wikipedia é que se basea na idea de compartir coñecemento. Neste momento debo levar preto de 500 entradas feitas, relacionadas na súa maioría coa cultura e coa literatura, que é o meu. E moito traballiño de corrección. Vitoria [Ogando] tamén fai moito traballo nese sentido. De formiguiña, como di ela.

Outro exalumno seu é o xornalista e escritor Manuel Jabois. Vostede tivo moito que ver con ese acto no Sánchez Cantón de hai uns días que acabou sendo case unha homenaxe.
Volvo repetir: tiven moitísimas sorte co meu alumnado. Teño unha chea de exalumnos que agora son escritores. Cando teño o día malo, sempre penso que, algo debín ter que ver con iso. Manuel Jabois sempre é moi amable. O acto do outro día foi para que el apadriñara unha xeración: cóllea en primeiro da ESO e comprométese a volver no seu acto de graduación. Como eu fun o seu profesor pedíronme que exercese de padriño do padriño. Para min foi todo un orgullo. Jabois é hoxe alguén moi importante ao que todos queremos e admiramos.

"Para min corrixir era o peor da profesión. Non me gustaba nada poñer notas. Era o máis ingrato"

Antes mencionou a web que creou coa súa muller, a tamén mestra Vitoria Ogando, ogalego.eu. Como naceu este proxecto?
Si, ela era mestra no IES Valle-Inclán e eu no IES Sánchez Cantón. Somos da primeira promoción de Galego que deu clase nos institutos. Daquela non había material ningún co que traballar. Así que unha das primeiras cousas que fixemos foi un libro, que debemos publicar alá por 1986. Titulábase Exercicios de lingua e vendeuse moitísimo. En 2005, cando empezaba o tema das webs, pensamos en pasar todo aquilo a internet. Cando chegaron os dominios, primeiro foi ogalego.eu e agora ogalego.gal. Aí está todo o que xuntamos. Nós, como a Galipedia, o que queremos é compartir. Dar non nos dan un peso. Temos que pagar o dominio e todo o demais. Pero que lle imos facer: en vez de tomar unha botella de viño de máis, tomamos unha de menos e listo. E, de cando en vez, chégache algunha mensaxe que te anima a seguir. Como unha que nos mandou un grupiño dicíndonos que tiveran profesores de Galego sempre de baixa e grazas á páxina puideran aprobar. Ou outra moi bonita que poñía algo así como "Anxo y Vitoria, estéis dónde estéis os quiero: me habéis salvado el culo en Gallego".

Case vale máis iso que o Premio Xoán Manuel Pintos, que tamén recibiron.
E tamén o agradecemos moito. Estamos moi contentos cos datos da páxina. Nos dous últimos anos tivo máis de 600.000 visitas cada ano, que descargaron 1.200.000 páxinas anuais. Tendo en conta que non é nin unha páxina de actualidade nin de diversión, non está mal. Danos moitas satisfaccións e nela seguimos traballando. Vitoria incorporou o ano pasado, por exemplo, kahoots, un xeito de aprender xogando. Á rapazada iso gústalle moito. Hai que ir cos tempos.

O Nanana, de Ortiga, saíu desa web.
Así o dixo el. É que Ortiga é fillo dun curmán meu, un rapaz que coñezo dende neno. É un virtuoso da guitarra, aínda que isto non se coñece moito. Un día preguntoume onde podía mirar cousas sobre cantigas populares. Díxenlle que na nosa páxina tiña moitas para consultar. Así que debeu inspirarse nalgunha por aí. El saberá.

"A xente cando se xubila e é de aldea faise cunha viña na ribeira. Pero a min iso non me tira. Prefiro comprar o viño feito e irlle contar contos á cativada"

E esa é a razón pola que nos agradecementos do seu último disco aparece "Anxo, de Pontevedra".
É unha honra estar aí. Porque ten moito éxito e porque soubo combinar moi ben a tradición da casa dos seus avós en Carballedo coa cumbia e coa música moderna. E con iso fai bailar a todo o mundo.

Véndoo no Luar e coñecendo o traballo que fai na Galipedia ou na súa web cabe pensar que hai mestres que nunca se xubilan.
Aínda che digo máis: dende que me xubilei, agora tamén son mestre de nenos pequenos. Porque, cando mo piden, voulles contar contos. Vou á escola infantil Concepción Crespo Rivas. O outro día estiven na de Verducido. Vou tamén ao colexio ao que vai o meu neto, A Pedra, de Bueu. Agora son como un avó que lle vai contando contos aos nenos. Estou xubilado e non. Pero, mira, moito mellor. Non teño a atadura dun horario e non teño a atadura de ter que corrixir, que era o peor da profesión. Iso e poñer nota. Cantas veces ves a un rapaz que se esforza e non dá máis e lle tes que poñer unha nota baixa. Por que? O sistema é así, pero a min non me gustaba nada facelo. Era o máis ingrato. E como son as cousas! Quen me ía dicir a min que de xubilado acabaría no Luar! A maioría da xente, cando se xubila, faise cunha viña na ribeira. Pero a min iso non me tira. Aínda que son nacido na aldea. Eu prefiro comprar o viño feito e contarlle contos á cativada.

Vostede, que foi mestre de Galego tantos anos, é dos optimistas ou dos pesimistas con respecto ao uso da lingua?
Eu vexo cousas malas e cousas boas. Malo é que descenda como descende o uso do galego como primeira lingua entre a xente nova. Iso debía atallarse dalgún xeito. Pero tamén hai cousas boas, por exemplo, a cantidade de xente que adulta ou preadulta se pasa ao galego. Para min iso ten un gran valor, porque tomaron a decisión de cambiar de idioma conscientemente. Unha Wikipedia en galego hai 20 anos era impensable. A cantidade de música que se publica hoxe en galego, igual. Daquela non había nada de literatura para nenos. Neste último Culturgal quedaba un asombrado de todo o que había. Que falta? Visibilidade. Hai un certo desleixo. Agora, que vai pasar no futuro? Eu non o sei. O único que sei é que, mentres viva, seguirei facendo o posible para que a cousa vaia ben.

Comentarios