Antonio Ledo, 'O Rato': "O Clarinete non marcha da casa sen que marche eu"

Ten 94 anos e durante máis de 60 foi membro da banda de música de Chantada, que o homenaxeou cun pasodobre na súa honra
Antonio Ledo, 'O Rato', coa partitura do pasodobre na súa honra. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Antonio Ledo, 'O Rato', coa partitura do pasodobre na súa honra. MIGUEL PIÑEIRO

O último certame de bandas de música de Chantada viviu un momento moi especial. A formación local rendeulle unha homenaxe a Antonio Serafín Ledo Palacios, máis coñecido coma 'O Rato', a quen dedicou un pasodobre co seu nome estreado nunha abarrotada Praza do Cantón.

Que lle pareceu a homenaxe? Está contento?
Ben, moi ben. Gustáronme moito tanto o pasodobre como a homenaxe. Aínda que considero que non merecía eu tanto.

Pero imaxino que sería moi especial para alguén que botou tantos anos na banda.
Toquei nela dende ben pequeno ata hai dez ou 15 anos, porque xa non podía máis, así que imaxina. Agora xa non, pero antes, alí onde ía a banda de música de Chantada ía eu. Quen lle quere a algo, quérelle ata que morre. Ese amor non se perde.

Teño entendido que a súa grande especialidade era o clarinete.
Aínda o teño comigo. Xa non o dou tocado, pero non vai marchar da casa mentres eu non marche. Tamén toquei a batería nunha orquestra.

Que lembra dos seus comezos na banda de música?
Un día, polo verán, estaban tocando no campo da festa, a carón da miña casa en Líncora, non lembro se por San Pedro ou San Lucas. Gustáronme e díxenlle a «O clarinete non marcha da casa sen que marche eu» meu pai que quería ser músico. Entón el falou co director daquela, don Emilio, e veu onda min para dicirme que en outubro comezabamos as clases. Empecei co solfexo e foi el quen me recomendou que tocase o clarinete.

E onde ía vostede a clase?
Ía a Chantada. Tiven bos profesores. Tamén lembro ensinar a rapaces, coma José Antonio García, ‘Coca’, que é veciño meu. Convencino de que tocase o bombardino e ensaiabamos tres horas ao día na cociña. Eu dicíalle ao pai en inverno que estivese tranquilo, que para o verán saía. E saíu. Agora é un gran músico.

Cales son as mellores lembranzas que conserva da banda?
É que teño tantas... E moitas esquecinas. Son máis de 60 anos, claro. Pero houbo moitas viaxes e algunhas delas ben bonitas. Lembro, por exemplo, unha que fixemos a Tenerife. Estivemos alí oito días con motivo dun concerto. Tamén fomos nunha ocasión a Barcelona. Nos mellores tempos eramos máis de 40 membros.

Di que o deixou porque xa non podía máis.
Foi hai dez ou 15 anos. Había que andar moito.

Que lle parece actualmente a banda de Chantada?
Gústame o que vexo e escoito. Pode que non teña o nivel doutras épocas, pero fano bastante ben. Hai que valorar que todas as bandas teñen subidas e baixadas ao longo da súa traxectoria. É normal, porque a xente nova moitas veces marcha, non por capricho, senón para buscar outros medios de vida, porque a música é un ‘hobby. Non se vive dela. Ou, polo menos, é moi difícil.

Vai vela a miúdo?
Levaba un tempo sen ir. Antes adoitaba asistir moito aos seus concertos. Este ano xa non a verei máis, porque agora a tempada de concertos remata.

Comentarios