martes. 28.09.2021 |
El tiempo
martes. 28.09.2021
El tiempo

Anos de andainas feitos poesía

undefined
Antón Valcarce (dereita), o pasado venres no Ateneo Casino. EP
O monfortino Antón Valcarce vén de presentar o seu primeiro poemario nun acto no que el mesmo puxo voz e música ás trinta composicións deste libro que edita Peruchela Edicións

O escritor Antón Valcarce di vivir a cabalo da contradición e asegura que a poesía non é algo que lle guste especialmente, pois, aínda que as composicións estean ben construídas "é doado dicir tonterías ou estupideces", pensa. Agora vén de presentar no Ateneo Casino de Monforte a súa primeira incursión neste xénero literario, co poemario A vida nas botas, que leva nas librarías dende finais do pasado ano.

Son unha trintena de pezas froito, di, "dalgúns anos de traballo, tampouco moitos, e dunha chea de andainas pola Ribeira Sacra, que aparecen resumidas emocional, paisaxística ou monumentalmente". A portada xa o di todo. Un par de botas "esfoladas", que buscan simbolizar "o andado cando chegamos á fin da nosa existencia", que para Antón é sempre "curta".

Precisamente, é ao camiñar cando atopa a inspiración para os poemas de A vida nas botas, de temática tan variada que no libro podemos atopar dende unha receita en verso de lingua escarlata, "unha elaboración que se facía en moitos lugares e moi popular en Monforte", ata un poema dedicado a un can de palleiro que se cruzou nunha das camiñadas de Antón. Este, afirma, "é un dos que máis me gusta do libro".

A vida nas botas é o oitavo traballo do escritor. Os sete anteriores saíran baixo o selo de editorial Agrasar e, desta volta, con Peruchela Edicións, un proxecto que xurdiu o pasado ano. Ambas as dúas, asegura, "cumpren unha función exquisita e o seu traballo é moi importante para a cidade".

PRESENTACIÓN. Valcarce deu a coñcer o novo libro nun acto celebrado no Ateneo Casino no que el mesmo puxo voz e música ás composicións, previamente recitadas por algúns dos asistentes. Os versos desta nova publicación chegaron tamén a Venecia, dende onde interveu a través dunha videoconferencia o ilustrador do poemario, Antón Vidal.

"Foi un acto emotivo e desfrutei moito, a acollida foi moi boa e a sala estivo chea", celebra o escritor, que non para nin un instante de argallar novos proxectos.

A finais de ano publicará Contos de peste e purgación e algo antes pensa presentar un conto infantil ilustrado polo alumnado do colexio de Sober. Ademais, agarda poder levar a súa obra a Madrid, a Barcelona e a Portugal. Deste último país di que é "un pobo irmán" no que ten moitas amizades e que pisou por primeira vez viaxando sen pasaporte, "agochado no camión dunha orquestra", lembra.

Anos de andainas feitos poesía
Comentarios