Ángel Folgueira: "Este ano viuse que cantos máis negocios asociados sexamos máis forza teremos"

O covid-19 puxo a proba os negocios monfortinos, por iso o xerente do Centro Comercial Urbano, Ángel Folgueira, chama a mercar neles este Nadal e a contar con máis socios

Ángel Folgueira, nun acto este ano. ARQUIVO
photo_camera Ángel Folgueira, nun acto este ano. ARQUIVO

A unión fai a forza, así que dende o CCU fan un chamamento para que os negocios que non son socios do colectivo se sumen. 

Como vai ser a campaña deste Nadal tan atípico en Monforte? 
Non teremos opción de facer eventos a pé de rúa e renunciamos a actividades moi efectivas como a visita de Papá Noel ou o tren, o que nos dá moita lástima. Decidimos apostar pola decoración para dar cor ao comercio e repartimos unhas columnas de globos co logo do CCU para colocar, preferentemente, no exterior dos establecementos, aínda que en algúns casos tamén poderían estar no interior. Non son tan efectivos como as outras iniciativas, pero crean un impacto visual. A maioría das críticas que recibiron ata o de agora son positivas. 

Haberá algunha iniciativa máis que se vaia facer nos vindeiros días? 
Dende o día de mañá ata o vindeiro 24 haberá na Praza de España un posto para envolver agasallos. Estará dúas horas pola mañá, de 11.30 a 13.30, e outras dúas pola tarde, de 18.00 a 20.00. Facémolo porque hai moitos negocios que, por mor do covid-19, non envolverán os artículos mercados, así que alí daremos a opción de facelo gratis. O único que hai que facer é amosar o tícket de compra nun dos locais asociados ao CCU. 

Teñen algunha campaña máis en marcha? 
Dende o pasado día 6 temos unha conxunta coa Federación de Comercio de Lugo. Dura ata o 6 de xaneiro e pódese participar mercando nos negocios asociados. Hai que rexistrar a compra cunha foto do tícket e subila á páxina web www.lugonadal.com. Dese xeito entrarase no sorteo dunha tarxeta- agasallo de 300 ou 200 euros. 

Hai que apostar este ano máis ca nunca polo comercio local? 
A importancia de mercar e consumir no comercio local é algo do que vimos falando todos este anos e a situación actual fai que este Nadal sexa, efectivamente, moito máis relevante. A pandemia tamén é unha chamada de atención para os negocios que non son socios. Este ano demostrouse que cantos máis sexamos, máis forza teremos. Fannos máis caso a 200 que a 20. Isto vai para longo e precisamos ser fortes para meter presión á hora de demandar axudas. Ademais, tamén é tempo de presumir do noso. Igual que noutras épocas mercar en Amazon era cool, agora consumir no comercio local debería ser un feito para presumir de conciencia social.

Comentarios