Andrés Montes: "Vendo guitarras porque é a mellor escusa para compralas. Teño 29"

É a voz de Gin Toni’s, un bo asesor para mercar un instrumento e a persoa á que hai que recorrer para montar unha festa. Non pode vivir sen música e buscou público ata cando estaba confinado. Cantou no balcón, nas redes sociais e agora volve aos escenarios con ilusión
Andrés Montes, cantante de Gin Toni's. EP
photo_camera Andrés Montes, cantante de Gin Toni's. EP

Andrés Montes é músico, de Escairón e pon voz ao grupo Gin Toni’s. A pandemia obrigouno a levantar o pé do acelerador, pero non logrou frear a súa paixón. Reinventouse mil veces e está disposto a facelo todas as que fagan falta para que a música non pare.

Gin Toni’s volve rebulir.

Si. Coa que está caendo, somos afortunados. Temos datas marcadas para os próximos meses. Este caos non permite facer moita previsión, pero creo que o 2022 vai ser moito máis parecido á normalidade que coñeciamos antes. O 2020 pechámolo con 24 concertos, que é ridículo para o que eran as nosas xiras. No 21, coa opinión en contra de todo o mundo, presentamos novo espectáculo, queimamos un cartucho e non foi mal. De xuño a outubro fixemos 34 concertos. Houbo que cambiar de formato. Baixamos do tráiler e inventamos un máis pequeno, para facer de día e en espazos reducidos.

Haberá novidades?

Manteremos o espectáculo do ano pasado porque aínda non fixemos moitos concertos con el, pero algún cambio haberá. Queremos introducir unha homenaxe a unha época da música galega.

Presta recuperar o contacto co público.

Si, no primeiro concerto despois do parón había psicosis total. Queriamos facer un tema no medio do público e montaron un corredor de cinco metros de ancho.  Que achegamento é ese?

Ten que impresionar ver o público sentado e estático. É raro, sobre todo en concertos coma os nosos, onde a xente participa todo o tempo. O público é o membro máis importante do grupo. Que estea sentado non axuda, pero as ganas xogan ao noso favor. Coa ansia de música que hai, dar palmas pode ser unha festa.

Haberá un antes e un despois da pandemia no mundo da música?

Oxalá isto nos faga cambiar. Temos empezado a tocar ás cinco da mañá e iso non ten sentido. Un sábado podes cear ás nove, tomar unhas copas e ás tres da mañá estar na casa. Así o domingo vas poder vivir. Ese é o ritmo máis lóxico e tamén se pode levar aos concertos. Fixemos actuacións de día brutais e antes era impensable. As grandes prexudicadas son as orquestras. Moitas quedaron tocadas. Agora non encontran músicos, técnicos, nin chófer para o tráiler. Creo que vai cambiar o concepto de festa e vai haber cabida para grupos máis pequenos. Iso garante repertorio diferente, diversos tipos de música, espectáculos variados.

"Gustaríame cantar todo o de Nino Bravo, pero non podo por limitación vocal. Tamén se me resiste o inglés"

Vostede non parou nin cando estivo pechado na casa.

Estou todo o tempo en mil proxectos, eu necesito iso. A miña salvación foi saír un día á ventá á hora dos aplausos e sacar a guitarra para ver como reaccionaba a xente. Desde entón toquei todos os días. Os veciños pedían cancións, a voces ou con carteis, e eu preparaba tres temas novos cada día. Fixéronme tocar de todo. Mostras de cariño recibín todas as que hai. Despois do confinamento fixen directos a través das redes sociais, cada día 30 ou 40 minutos con temas diferentes.

Vaia repertorio!

Xuntei unha lista dunhas 600 cancións.

Hai algún tema que lle gustaría cantar e aínda non puido?

Moitos, por limitación vocal. Eu creo que a voz máis incrible da música española foi a de Nino Bravo. Gustaríame cantar todas as súas cancións, pero non podo. Temos Un beso y una flor no repertorio de Gin Toni’s. Tamén me gustaría cantar en inglés, pero non din aprendido, aínda que os meus pais se esforzaron. Fáloo mal tirando a moi mal. Intenteino con The best, de Tina Turner, pero cando me gravo e me escoito lembro que é mala idea.

Ten proxectos á marxe de Gin Toni’s?

Teño un proxecto eu só con versións de Sabina, un dúo con Ángeles Rodríguez de piano e guitarra clásica, outro dúo coa miña irmá Paula de guitarra e dúas voces e un cuarteto mexicano.

E unha tenda en Ourense.

Vendo instrumentos musicais porque é a mellor escusa para compralos. Teño 29 guitarras. Son un enfermo dos instrumentos.

E notouse na tenda un cambio de hábitos da xente agora que ten tempo para estar na casa?

Totalmente. Eu vendo baterías, baixos e guitarras, que é o que sei tocar e no que podo asesorar. Vendía moito a profesionais que tiveron que deixar de tocar. A cambio, subiu o consumo de guitarras de iniciación. Moita xente animouse a tocar ao estar máis na casa. Tamén se notou a febre do ukelele. No ano 2020 vendín 420 e no 2021 non sei cantos, pero foron máis.

Como se explica iso?

Sobre todo pola demanda dos colexios. Houbo limitacións para utilizar instrumentos de vento e cambiaron a tradicional frauta por ukeleles, que son económicos.