Anda un vampiro solto pola vila

Un grupo de 13 estudantes do instituto chantadés Lama das Quendas crea 'Vampir', unha curtametraxe feita con móbiles na contorna do centro baseada na famosa novela 'Drácula'
Algúns dos alumnos e alumnas e o seu profesor, Juan Vázquez (segundo pola dereita). PAUL ENRIQUE PADRÓN NORMA (IES VAL DO ASMA)
photo_camera Algúns dos alumnos e alumnas e o seu profesor, Juan Vázquez (segundo pola dereita). PAUL ENRIQUE PADRÓN NORMA (IES VAL DO ASMA)

Un vampiro chega a un instituto da Galicia rural, onde o reciben como adoitamos facelo por estas terras a todo o que chega de fóra, de marabilla. O protagonista séntese ben e adaptado. De súpeto, estudantes do centro comezan a aparecer con estrañas marcas no pescozo, sen lembrar nada do que lles aconteceu.

Ese é o argumento de Vampir, unha curtametraxe de case oito minutos de duración baseada na famosa novela Drácula, de Bram Stoker, e rodada por alumnos do instituto chantadés Lama das Quendas.

Foi gravada por 13 estudantes de primeiro de bacharelato con móbiles na contorna do centro, aproveitando as tres horas semanais da materia de Linguaxe e Práctica Musical, coa colaboración do club de lectura, no último trimestre de clase deste curso.

"Foi un traballo colectivo, no que todos se ocuparon de varias tarefas", apunta o profesor que supervisou a iniciativa, Juan Manuel Vázquez.

A proba é que nos créditos do filme figuran coma autores e autoras do texto, a música, a maquillaxe, a interpretación e a montaxe Yanira Barbero Sánchez, Ángela Diéguez Fernández, Nicolás dos Santos Mosteiro, Iria Gómez López, Álex Gómez Ríos, Mercedes López López, Paula Novoa Abet, Paula Parada Diéguez, Isaac Pardo Fernández, Miguel Recarey Frías, Jorge Riocabo González, Lucía Souto Sobrado e Paula Taboada Vázquez.

Na película colaboraron dous profesores máis: o xefe de estudos do instituto, José Rodríguez Iglesias, e Paco Campos Vaz. Vampir foi estreada no Espazo Xove e pode visualizarse na canle de YouTube A quenda do libro.

Así o fixeron. Tres móbiles coas súas respectivas cámaras foron o material de gravación. Primeiro, a clase elaborou o guión da curta e logo traballou na configuración dos personaxes antes de prepararse para gravar.

A maquillaxe, os cortes de pelo, a roupa... Todo o conseguiu o equipo de gravación do Lama das Quendas, que chegaron a meta cunha curta que nos devolve á atmosfera das mellores películas de vampiros sen necesidade de saír de Chantada.

Vampir aumenta a lista de filmes elaborados no centro, pois non foi a única que se rodou deste xeito. Hai anos, os alumnos e alumnas crearon A Pantasma do Hip-Hop, baseado na novela A Pantasma da Ópera.

A estes proxectos cinematográficos hai que engadir o contido televisivo A fume de carozo, transformado nunha canle de radio transmitida a través da plataforma Ivoox, ou un vídeo en YouTube feito polos estudantes de cuarto de Eso do club de lectura sobre a obra de teatro grego Electra, de Eurípides. Só a pandemia impediu estes dous anos máis contidos artísticos. Agora toca recuperalos.

Comentarios