A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, visitará Chantada este martes para participar, a partir das 20 horas, nun acto público convocado pola formación nacionalista na praza do Cantón.
Na xuntanza, á que os nacionalistas quixeron chamar Conversas abertas con Ana Pontón, intervirán tamén a responsable do BNG na zona sur da provincia de Lugo, Rosana Prieto, e o voceiro da formación en Chantada, Manuel Moure.
O percorrido de Pontón pola vila do río Asma comezará xa pola mañá coa visita a dúas empresas da localidade, a fábrica das Galletas Mariñeiras Daveiga e a compañía de telefonía A túa Xanela.
A continuación, a líder da oposición en Galicia aproveitará para visitar a feira de Chantada e, despois de xantar, achegarase á Adega Lareu para coñecer o traballo desta bodega na parroquia de Sabadelle antes de poñer rumbo á praza do Cantón para presidir o acto do BNG.