sábado. 20.07.2019 |
El tiempo
sábado. 20.07.2019
El tiempo

Ana Miranda denuncia o desmantelamento dos servizos ferroviarios en Monforte

A eurodeputada Ana Miranda, na estación do tren de Monforte. EP
A eurodeputada Ana Miranda, na estación do tren de Monforte. EP

A eurodeputada do BNG e candidata ao Parlamento Europeo pola coalición Agora Repúblicas comprométese a defendelos

A eurodeputada do BNG e candidata ao Parlamento Europeo pola coalición Agora Repúblicas, Ana Miranda, denunciou o desmantelamento dos servizos ferroviarios de Monforte e comprometeuse a defendelos na Eurocámara.

Tras un encontro con representantes da Plataforma en Defensa do Ferrocarril no que tamén participou o candidato do BNG á alcaldía, Emilio Sánchez, Miranda asegurou que estes recortes supoñen o "illamento" de numerosas poboacións rurais, a redución da mobilidade dos seus habitantes e unha notable perda de postos de traballo.

"Desde o BNG defendemos no Parlamento Europeo que non se reduzan os servizos que Monforte ten que ter e que o porto seco teña unha utilidade", destacou Ana Miranda, que recordou que esta última infraestrutura, "paralizada desde hai tempo", está integrada por 156.000 metros catros. Así mesmo, defendeu a posta en marcha das medidas que reclama a Unión Europea de seguridade ferroviaria para "que non se volva producir un accidente como o do Alvia".

E é que, para a eurodeputada do BNG, a "falta de mantemento" das infraestruturas, tanto por falta de persoal como de investimentos, "causa riscos de seguridade e excesos nos tempos de viaxe". Neste sentido, criticou a non substitución do persoal xubilado que, conforme indicou, provoca a supresión de trens por falta de maquinistas, de interventores e avarías que tardan en ser solucionadas.

"O desmantelamento dun servizo público tan importante impide a articulación efectiva da zona sur de Lugo e o aumento de problemas na mobilidade da poboación", destacou.

MOBILIDADE. Precisamente, respecto da mobilidade, Miranda denunciou que despois da reforma da estación de Monforte, esta non conte con ascensores entre as plataformas que faciliten o acceso aos usuarios.

Ademais, considera que potenciar o transporte ferroviario é a mellor ferramenta para loitar contra a crecente saturación das estradas e o aumento da contaminación.

A europarlamentaria tamén reclamou o incremento das frecuencias ferroviarias de forma que dean resposta ás necesidades da poboación da comarca. "Non pode ser que non haxa unha combinación adecuada para o estudantado que se despraza a Santiago de Compostela, que está a pouco máis de 90 quilómetros", indicou.

Nese sentido, reclamou unha relación directa no traxecto Lugo-Monforte-Ourense e Vigo, con horarios axustados ás necesidades dos usuarios, podendo chegar á primeira hora a Compostela e de volta a última hora da tarde.

Ana Miranda denuncia o desmantelamento dos servizos ferroviarios en...
Comentarios