As alvarizas, que protexían as colmeas dos osos no Courel, accesibles en visor cartográfico 

O obxectivo do proxecto é promover a expansión do oso pardo cara ao suroccidente cantábrico e favorecer a súa convivencia coas actividades humanas

Vista das alvarizas mediante o visor cartográfico. FUNDACIÓN OSO PARDO
photo_camera Vista das alvarizas mediante o visor cartográfico. FUNDACIÓN OSO PARDO

As alvarizas do Courel –recintos de pedra para protexer as colmeas dos ataques do oso– están accesibles por primeira vez en visor catográfico. 

Un total de 192 destas construcións, con valor etnolóxico, foron inventariadas polo proxecto europeo LIFE Oso Courel no espazo Rede Natura Ancares-Courel. 

Localizadas nun visor cartográfico, están agora ao acceso de calquera na páxina web da Fundación Oso Pardo. O obxectivo do proxecto é promover a expansión do oso pardo cara ao suroccidente cantábrico e favorecer a súa convivencia coas actividades humanas. 

Baixo a coordinación da fundación, a iniciativa desenvólvese desde xullo de 2017 até decembro de 2020 xunto coa Xunta e a Asociación Galega de Custodia do Territorio como beneficiarios asociados. 

Está financiado polo programa LIFE da Unión Europea e cofinanciado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e por Naturgy. 

O visor cartográfico mostra a localización xeográfica dos alvares inventariados xunto cunha ficha de información básica de cada un deles, recollida durante o traballo de campo. 

Estas estruturas, en pedra seca, sen morteiros ou argamasas de unión e coñecidas como cortines no suroeste asturiano e noroeste leonés, quedaron en desuso por situarse en zonas de difícil acceso e cambios no manexo. 

Comentarios