Unha aldea que quere revivir

Un proxecto busca resucitar Vieiros, en Quiroga, onde esta semana naceu o segundo neno en 46 anos
Roi, á dereita, guía o rabaño de ovellas polas rúas de Vieiros. CARLOS JULIO GONZÁLEZ
photo_camera Roi, á dereita, guía o rabaño de ovellas polas rúas de Vieiros. CARLOS JULIO GONZÁLEZ

O martes naceu en Vieiros o segundo neno en 46 anos. A anterior veu ao mundo hai dous anos. Iso foi todo dende 1976. Tempo despois, a finais dos 90, esta aldea —a última de Quiroga e xa case lindeira coa provincia de León— quedou deshabitada. Así estivo ata que se instalou hai sete anos coa súa familia Roi Estévez, un enxeñeiro de montes vigués namorado deste lugar ao que o seu pai chegou de mozo. "Daquela a aldea estaba chea, eran sete familias", di.

Pero os anos pasaron e a emigración non perdoou a Vieiros, que foi quedando baleira e caeu no abandono. Agora, semella que a situación comeza a mudar. Son dúas as familias que viven de forma permanente e moitas outras que volven nas fins de semana. Pero, sobre todo, "hai moi boa sintonía e ganas de facer cousas".

Este verán o lume quedou preto, na Campa da Lucenza. "Libramos polos pelos", di Roi. Foi o detonante que levou á asociación Proxecto Vieiros a poñer en marcha a súa última iniciativa: a compra de 35 ovellas para ter limpos os arredores e recuperar a antiga paisaxe da aldea. "Hoxe parece que é todo bosque, pero nos anos 50 isto estaba cheo de prados e hortas", conta Diego García, que adquiriu unha casa en Vieiros.

El, natural tamén da zona de Vigo, chegou a través de Roi, a quen coñeceu cando estudaban. "No primeiro curso xa nos comentou que tiña a casa do pai aquí e cando viñen quedei tan enganchado que busquei unha vivenda na que poder quedar; agora veño coa miña muller e os meus fillos sempre que podo", indica.

Roi (á dereita) e Diego (centro) instalan un valado provisional para as ovellas. C.J.G.
Roi (á dereita) e Diego (centro) instalan un valado provisional para as ovellas. C.J.G.

As ovellas son o primeiro paso. Se todo vai segundo o previsto, co número de cabezas de gando co que contan sacarán "o xusto para mantelas". Estes días teñen a axuda dun asesor, Joan Alibés, da empresa Beealia, que lles ensina todo o que precisan para coidar dos animais. Este experto prognostica que en dous anos a paisaxe arredor de Vieiros será moi diferente e iso é "grazas ao empeño e ilusión de veciños como Roi ou Diego", di.

Se iso é imprescindible, tamén o foi o crowdfunding que a asociación puxo en marcha e co que conseguiron recadar 15.600 euros. A resposta foi inminente "e temos que agradecer todo o apoio".

Ao fío dese anuncio lograron que unha persoa lles ofrecese unha burra, por exemplo, e que moitas outras se interesasen en apadriñar unha das 35 ovellas ou colaborar coa achega voluntaria dun euro ao mes a través da plataforma Teaming.

Novas iniciativas

Esperan ademais que esta idea sirva para crear sinerxias e atraer á aldea novos proxectos produtivos e, polo tanto, máis xente. Para iso, mesmo poñen a disposición dos interesados de forma gratuíta seis casas que precisan rehabilitación. Nos últimos trece anos xa se arranxaron unha decena de vivendas en Vieiros.

A aldea ten posibilidades. Ademais de poder teletraballar dende alí —xa que a conexión a internet é boa e só hai problemas cando neva—, ten moito potencial dende o punto de vista turístico, pois posúe unha das fervenzas máis emblemáticas do Courel e conta cun muíño fariñeiro e un forno que, precisamente, foi restaurado pola asociación veciñal.

Roi dirixe as ovellas a un prado na outra beira do río Selmo. C.J.G.
Roi dirixe as ovellas a un prado na outra beira do río Selmo. C.J.G.

José Manuel Cabaleiro, máis coñecido como Saca, viu esas posibilidades e, en agosto de 2021, puxo en marcha A Casa das Tecedeiras, tres apartamentos turísticos que tiveron unha grande acollida. "Estamos cheos todas as fins de semana dende setembro. Está a ser un bo outono e foi tamén un bo verán, pois dende que temos presenza en plataformas de reserva vén moita xente de fóra, de Madrid ou Valencia. Son persoas que saben a onde veñen e que apostan por estancias longas", sinala.

Pero, ademais dos apartamentos, xa baralla a idea de "comercializar mel, cogomelos e marmeladas elaboradas con produtos locais", conta Saca, que mercou casa en Vieiros hai 13 anos e se instalou definitivamente hai seis. Despois fixo o propio a súa parella, Paula Carrera, que creou na aldea a cooperativa Outonía, centrada na educación social e no desenvolvemento comunitario.

Dende este mesmo martes, a familia que eles dous forman ten un novo membro: o segundo nacemento en 46 anos nunha aldea "na que a media de idade é agora significativamente baixa", bromea Saca, que pensa que os nenos son "fundamentais" para dar vida a estes lugares.

Pode parecer un paradoxo, pero para garantir un futuro nesta aldea quiroguesa hai que mirar o pasado, aínda que agora sexa "con moitos máis recursos e un modo de vida totalmente diferente", apunta Diego. Xa son seis os habitantes de Vieiros, que gaña poboación e onde a esperanza dun rural con futuro está intacta.

Un referente turístico

O Concello de Quiroga tamén traballa coa intención de facer de Vieiros "un referente turístico e ambiental do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel, como xa o é A Seara, un núcleo que está moi próximo", destaca o rexedor local, Julio Álvarez, consciente dos "extraordinarios recursos naturais" que posúe esta aldea.

Están levando a cabo pequenas accións para "mellorar" o lugar tanto para os veciños como para os cada vez máis visitantes. Nas últimas semanas, indican dende o consistorio quirogués, levaron a cabo a segunda fase da pavimentación con pedra rústica das estreitas rúas de Vieiros.

Unha rúa de Vieiros. C.J.G.
Unha rúa de Vieiros. C.J.G.

Ademais, o Concello traballou no saneamento e a canalización de augas e electricidade, sendo estas actuación realizadas dentro do Plan Único que pon en marcha cada ano a Deputación de Lugo.

Comentarios