Adrián Vázquez abandona o banco da SD Chantada por "motivos laborais"

O adestrador despediuse do clube mediante unha emotiva carta
Adrián Vázquez, cunha bufanda do equipo. SD CHANTADA
photo_camera Adrián Vázquez, cunha bufanda do equipo. SD CHANTADA

A SD Chantada anunciou este martes que adestrador do primeiro equipo, Adrián Vázquez, abandona o banco do Sangoñedo por "motivos laborais" exactamente "un ano despois da súa volta".

Segundo explica o clube, Vázquez comunicou esta decisión á directiva "hai uns días", tralo que tamén se informou aos xogadores.

Os membros da directivo do equipo chantadés amosaron o seu "infinito agradecemento" ao míster "pola súa predisposición e interese por volver traballar co noso club". Ademais, desexáronlle "moita sorte nos seus proxectos persoais de cara ao futuro".

Por último, o clube aclarou que "pronto" poderán anunciar o nome do sucesor de Vázquez.

O propio Adrián quixo despedirse do Chantada cunha emotiva carta:

"Tiña moita ilusión de volver á SD Chantada logo desa primeira etapa, hai xa once anos. Sabía como era a dinámica de traballo, polo que dende o primeiro momento vin con bos ollos a posibilidade de regresar. Polos motivos que sabemos todos, a tempada 20/21 non puido comezar e agora a miña situación laboral é incompatible coas funcións de adestrador a vindeira tempada. Polo tanto, só queda despedirme agradecendo a acollida que tiven neste tempo e dar as grazas á directiva polo interese e por ter pensado en min. Tamén aos xogadores pola súa colaboración en xeral, e en particular no amago de pretempada que fixeron a nivel individual o pasado verán. Con todo o voso traballo e disposición, seguro que estades máis preto de conseguir os obxectivos. E eu serei o primeiro en alegrarme".

Comentarios