Adeus a unha muller pioneira

A primeira presidenta da historia da SD Chantada, Mercedes Arias, recibiu este luns unha emotiva despedida dos veciños da súa vila
Mercedes Arias. TOÑO PARGA (AEP)
photo_camera Mercedes Arias. TOÑO PARGA (AEP)

Mercedes Arias naceu en 1969 e foise moi pronto, só 52 anos despois de vir ao mundo. Morreu en Chantada, vila onde deixou centos de anécdotas, historias agradables e lembranzas. Moi querida e coñecida, foi tamén unha muller pioneira, a primeira en presidir a histórica SD Chantada, un club fundado en 1970.

Mercedes Arias, a quen case todos en Chantada chamaban Merce, estivo un total de seis tempadas á fronte da directiva da entidade. Tempo máis ca suficiente para gañarse o afecto de futbolistas, adestradores, afeccionados e afeccionadas. Dela destacaban o seu bo humor, a amabilidade coa que recibía a cadaquén que entraba no campo do Sangoñedo a ver un partido e o apoio incondicional ao que foi o seu equipo dende os tempos nos que ía coa súa familia á bancada a animar os seus dous irmáns, Luis Miguel e Víctor.

"A SD Chantada é unha familia na que ninguén se move por cartos", díxolle unha vez a El Progreso, nunha entrevista publicada o 27 de decembro de 2019, na véspera dunha cea para conmemorar os 50 anos da institución que ela presidiu ata o día do seu pasamento, o pasado sábado.

Os feitos parecen darlle a razón. Poucos futbolistas faltaron á cita co funeral de Merce, que se celebrou este lunes nun emotivo acto ateigado de xente. Foron xogadores, vestidos con camisas brancas e coas bufandas da SD Chantada perfectamente colocadas no pescozo, os que portaron o féretro.

Merce herdou da súa avoa a histórica tenda de roupa Merceditas

Moitos outros deportistas dos tres equipos sénior (SD Chantada, Chantada B e feminino) e das categorías base estiveron presentes, levando as flores e centros, despedindo a súa presidenta. Tocou facelo demasiado pronto. Non debería estar permitido morrer con 52 anos.

CONMOCIÓN. Moitas foron as mensaxes de condolencia que chegaron dende o momento en que se soubo do pasamento de Merce. Dende clubs e entidades (entre elas o propio Concello de Chantada, o CD Lugo ou a Real Federación Galega de Fútbol) e persoas particulares transmitíronse mensaxes de ánimo, xestos de dor e mesmo recordos da presidenta Mercedes Arias, querida máis alá do fútbol.

A súa avoa, Mercedes tamén, abriu hai aproximadamente 80 anos, que se di pronto, a tenda Merceditas. É un negocio dos de toda a vida, situado nun dos puntos máis céntricos da vila do río Asma, a Praza de Santa Ana. Moita xente lembra o seu lema, que deixa claro a que se adicaba: "La cigüeña los trae, Merceditas los viste".

En realidade, en Merceditas atopábase roupa para todas as etapas da vida, dende bebés a idades avanzadas. Pero había moito máis. O establecemento que Merce herdou da súa avoa era un pequeno centro comercial que abarcaba a mercería, as xoias de imitación ou a xoguetería.

Durante a súa vida, Merce tamén formou parte da directiva da Escudería Chantada, organizadora da Subida no verán, e participou activamente cada Venres Santo na procesión dos Caladiños, na que marcaba os pasos.

Por iso moitos se sumaron ao último adeus. Unha pioneira marchou antes de tempo.

Comentarios