"Para acabar cos populismos, o mellor é a educación económica"

Santiago Calvo López, chantadés doutor en Economía, acaba de publicar, xunto a Álvaro Martín, o seu primeiro libro, titulado ‘Que no te engañen. Un repaso a las grandes falacias económicas de los populismos a la derecha e izquierda'. Con el, trata de darlle aos cidadáns coñecementos nunha materia que, di, aínda é a gran descoñecida
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Santiago Calvo López. EP

As falacias económicas son as grandes protagonistas do primeiro libro de Santiago Calvo. Este chantadés doutorado en Economía pola USC advirte das mentiras e mensaxes demagóxicas de moitos programas electorais e insta a darlles ferramentas aos cidadáns.

Como naceu a idea de publicar este libro?

Xurdiu hai un ano e medio polo interese de Álvaro e meu de divulgar a ciencia económica. Moitas veces, a clase política trata a economía con mentiras, falacias e mensaxes demagóxicas. Só abordan a parte positiva do seu programa e obvian os custos que pode ter co único obxectivo de gañar as seguintes eleccións. Con artigos científicos repasamos que hai detrás dos debates políticos e nos medios de comunicación para darlle ferramentas á poboación.

E cales son algunhas desas grandes falacias económicas?

Un exemplo témolo na subida do salario mínimo. O populismo de esquerdas considera que só é positivo, obviando os prexuízos que pode ter para colectivos como a xente moza, os maiores ou os migrantes. Por outra banda, a dereita populista argumenta que sempre xera desemprego, cando é evidente que non é así. Imaxino que a suba de prezos terá un espazo importante.  Contamos cun capítulo adicado a ese tema no que falamos do control dos prezos, a raíz do incremento dos mesmos motivado pola pandemia ou a invasión de Ucraína. Explicamos outras subas de prezos na historia, como a dos anos 70, cando os controis non axudaron e mesmo xeraron procesos de escaseza. O control pode ser eficaz a curto prazo, pero acaba xerando desequilibrios importantes na oferta e na demanda.

"A clase política trata a economía con mentiras, falacias e demagoxia con obxectivo de gañar eleccións"

Tamén é moi habitual falar de baixadas de impostos como solución. Hai falacias neste eido?

É moi habitual que o populismo de dereitas diga que a recadación sobe baixando os impostos, pero é unha gran mentira que estamos a comprobar en países cunha gran renda. Se a baixada de impostos non vai da man dun descenso do gasto, redunda no aumento da débeda pública. Temos o caso do Reino Unido, onde se propuxo un gran paquete fiscal que acabou coa primeira ministra en apenas un mes. Segundo se acheguen as eleccións, creo que escoitaremos moito esta falacia en España.

Teño entendido que ata escribiron sobre o cambio climático.

Si. Neste caso criticamos a postura da dereita, que fala de que os cidadáns non son responsables do cambio climático, pero este existe e coma poboación temos moita responsabilidade. Podemos respectar o medio ambiente e medrar economicamente aproveitando os recursos que nos proporcionan as novas tecnoloxías.

Fai falta educación económica?

Realmente si, é o mellor para acabar co populismo en todos os bandos que existe tamén nos partidos tradicionais. Precisamos xente máis formada para tomar boas decisións e votar en consecuencia. Só así sacaremos as propostas populistas das institucións. Que propoñen para iso? Sería bo, por exemplo, establecer máis ensinanzas económicas nas escolas? Lévase moito tempo falando diso e está claro que fan falta materias económicas e financeiras, eidos nos que, ademais, Galicia destaca negativamente. Sería igualmente importante conseguir unha maior presenza de economistas científicos. En España hainos moi bos, pero están ocultos porque non venden mensaxes atractivas e as canles de transmisión son puramente ideolóxicas.

Sobre vostede. É este o ámbito ao que lle gustaría adicarse, a transmisión da economía?

Asi é. Agora traballo como investigador para unha universidade e pronto estarei con outra. Encántame investigar e descubrir. Hai meses que escribo para unha das revistas máis prestixiosas de enerxía e comprobei que as axudas do Goberno á pobreza enerxética non son suficientes. Son un firme convencido de que a ciencia económica permite avanzar e aproveito calquera espazo, por medio das redes sociais ou artigos nos xornais, para expresarme sobre iso.

Gustarialle ensinar?

Por suposto. Ser investigador vai parello co ensino e teño o obxectivo de traballar como profesor nunha das tres universidades de Galicia.

Que está a investigar agora?

A finais de decembro sacaremos un informe falando de eficiencia sanitaria, con datos de distintos países e aplicado ás comunidades autónomas.

Houbo unha presentación do libro en Santiago. Para cando unha na súa Chantada natal?

Polo momento non o teño previsto. En decembro estaremos en Madrid. Encantaríame presentar en Chantada, pero a axenda ata final de ano témola moi apretada. É posible que para 2023.

Comentarios