lunes. 02.08.2021 |
El tiempo
lunes. 02.08.2021
El tiempo

O 17º Ribeira Sacra quenta motores con concertos en catro cidades

Santi Araújo, Rachael Yamagata e Champs actuarán en Santiago, Vigo, Madrid e Oporto

Michael e David Champion, Champs. EPO festival 17º Ribeira Sacra quenta motores de cara a súa celebración en xullo cos concertos do 17º Delicatessen. As actuacións de Santi Araújo, Rachael Yamagata e Champs en Santiago, Vigo, Madrid e Porto serán a antesala da terceira edición desta cita que marida a música coa paisaxe e a enoloxía.

O primeiro dos concertos para promocionar o festival é o de Santi Araújo, que actuará o venres 5 de abril, ás 20.00 horas, na fundación Didac de Santiago. O cantante presentará Catedral, o seu debut en solitario tras deixar atrás La Familia. Trátase dun traballo no que, a través de cinco cancións, se presenta a un Araújo reflexivo que se abre a outras sonoridades, que van dende o folk-rock de corte americano ata o britpop máis espiritual ou o indie de autor estatal. A entrada será libre ata completar o aforo.

Rachael Yamagata levará a Ribeira Sacra a Oporto o xoves 9 de maio, ás 19.30 horas no Terraplana e, ao día seguinte, á fundación Sales en Vigo, ás 20.00 horas. A cantante e compositora estadounidense regresa á Península para interpretar non só as súas cancións icónicas senón tamén o material dos seus últimos lanzamentos Porch Songs e Tightrope Walker. Os prezos das entradas do concerto de Oporto son de 10 euros con compra anticipada e 12 na billeteira. Para o de Vigo serán de 12 euros anticipadas e 14 na billeteira.

O derradeiro concerto é o da banda formada polos irmáns Michael and David Champion. Champs actuará o mércores 5 de xuño ás 20.00 horas no Mercado Barceló de Madrid presentando o seu último traballo The Hard Interchange. As entradas anticipadas custarán 14 euros e 16 euros na billeteira.

Estas citas complétanse coas Conversas 17º Ribeira Sacra entre diferentes persoas do mundo da arte e da gastronomía. Michelín Rodríguez (artista urbano) e Mónica Maneiro (comisaria de arte), estarán no concerto de Santiago; Carlos J. González (restaurante Merenzao) e Rafa Centeno (Maruja Limón), no de Vigo; e Carla Souto (artista) e Javier Iturralde (art advisor) no de Madrid.

O Festival 17º Ribeira Sacra celebrará a súa terceira edición do 18 ao 21 de xullo mantendo a súa aposta por misturar a música coa natureza, o patrimonio e a enoloxía. Polo momento, a organización confirmou as actuacións de Kevin Johansen, Enric Montefusco e Marem Ladson.

A riqueza natural e cultural da Ribeira Sacra volverá ser un compoñente básico dun evento ao redor da música en directo e da cultura do viño.

O 17º Ribeira Sacra quenta motores con concertos en catro cidades
Comentarios