Despega a preparación das preseleccións galegas de minibasket

Esta fin de semana celebráronse os primeiros adestramentos na Estrada para os posibles representantes autonómicos de cara ao Campionato de España

A Primeira Mini descansou esta fin de semana da competición regular para dar comezo á preparación das preseleccións galegas de cara ao Campionato de España, que se celebrará o vindeiro abril. Leváranse a cabo un total de oito concentracións que serán repartidas entre os meses de decembro e marzo.

O primeiro encontro de traballo celebrouse o sábado e o domingo na Estrada coas preseleccións feminina e masculina divididas en grupos norte e sur. No caso da categoría feminina foron convocadas cinco xogadoras lucenses: María Grandas e María Parga, do Sarria, Natalia Basanta e Álina Rodríguez, do Burela, e Natalia Ferreiro, do Ensino. Ademais, Adrián López, do Sarria, dirixe o cadro técnico desta categoría. Na masculina, foron chamados tres xogadores da provincia: Hugo Santos e David Prado, do Estudiantes, e Pablo Domínguez, do Sarria.

A seguinte cita das preseleccións será na derradeira semana do ano, aproveitando as vacacións de Nadal, pero antes continuará o curso para a Primeira despois de dúas fins de semana parado. Na categoría masculina a vindeira fin de semana haberá derbi lucense entre o Sarria e o Estudiantes, mentres que na feminina o Sarria e o Burela viaxarán para enfrontarse ao Costa Ártabra e ao Básquet Coruña, respectivamente.

Consulta as competicións aquí

 
1º MINI MASCULINA - GRUPO NORTE A

Próxima xornada

Basket Ferrol - BBCA
Básquet Coruña - Baxi Ferrol
Sarria - Estudiantes

 

 

1ª MINI FEMININA - GRUPO NORTE

Próxima xornada

Costa Ártabra - CB Sarria
Montrove - Baxi Ferrol
Básquet Coruña - Burela