Lembranza dun patriota galego, Antón Moreda

Estase a cumprir o cuarto cabodano do pasamento de Antón Moreda, infatigable patriota galego, mariñán de nacemento, onde descansa do seu duro bregar por unha Galiza mellor e dona do seu destino. Naquela tardiña do 4 de febreiro, o vento zoaba forte nos areais do axitado mar mariñao, coma berros que anunciaban a volta do seu fillo á terra. Acompañamos a Antón Moreda na súa derradeira viaxe, o seu cadaleito cuberto coa bandeira galega, insignia cargada de historia, xa que fora estandarte dos exiliados galeguistas en México, traída xenerosamente dende o Grove ‘ad hoc’ polo irmán Francisco López Franco, ‘Chesqui’.

O cadaleito aos ombros dos seus vellos amigos, compañeiros de ilusións e esperanzas, Luís González Blasco, ‘Foz’, Antón Veiga, Francisco López Franco e do que suscribe; paseniñamente cara ó seu sartego, cargados de emoción, pois ademais do cariño que lle tiñamos, eramos sabedores que estabamos depositando alí un tesouro da nosa historia.

Botou corenta e tres anos residindo no Hospital Psiquiátrico de Castro de Ribeiras de Lea. ¡Son moitos anos! Non estaba tolo, eu ben o sei, era o amor que sentía pola súa terra, Galiza. Foi un ser excepcional que nas situacións máis adversas á condición vital do ser humano, como era o réxime de vida que imperaba nos centros de doentes mentais daquela época, soubo manter a súa dignidade á altura dos grandes homes; integrouse na vila de Castro coma un veciño máis, na que chegada a hora quería ser soterrado, pois así mo ten manifestado en varias ocasións. Nembargantes, este desexo mudou en Moreda cando a asociación Ollomao de Barreiros rachou co esquecemento deste veciño ilustre, organizándolle unha emotiva homenaxe a finais do ano 2007. Aquel acto espertou nel o tirón da terra do seu nacemento, sentíndose recoñecido e querido ¡Canto ben lle fixestes, meus amigos!

Inspirou a escritores galegos para a súa produción literaria como foi o caso de X.L. Méndez Ferrín e Margarita Ledo Andión; escribíronse libros sobre a súa historia e figura nos principais tratados sobre o galeguismo e o nacionalismo. Agardamos que o seu nome figure tamén nun lugar destacado da vila de Castro de Ribeiras de Lea da que sempre levou con orgullo a súa veciñanza.

No eido cultural e social, cómpre salientar o seu compromiso con numerosas iniciativas, entre as que figuran a fundación da asociación Gaiola, da que foi o seu presidente, dotándoa do seu órgano de difusión Gaiola Aberta; foi promotor da revista Falemos. Dende estes dous foros, Moreda exerceu un importante papel reivindicativo das necesarias melloras da saúde mental e dos dereitos dos doentes; foi cofundador do Ateneo Galeguista da Terra Cha, co que tiven a honra de compartir a súa presidencia, asociación na que tiña depositadas moitas esperanzas e proxectos a realizar, pois así llo ten manifestado o seu amigo o escritor Xosé Neira Vilas, feito perfectamente xustificado tendo en conta que os principais fins desta entidade son: a investigación, promoción e difusión do pensamento e ideario galeguista, cuestión á que adicou tada a súa vida. Nos seus derradeiros anos estaba a traballar nun proxecto de investigación sobre o Consello de Galiza, baixo a coordinación do catedrático de historia contemporánea da USC Justo Beramendi. Este órgano formouse en Bos Aires, a iniciativa de Castelao e da Irmandade Galega no ano 1944 coma un sucedáneo do goberno galego no exilio. A toda esta meritoria actividade hai que engadirlle os seus estudos na USC, na que chega a licenciarse en dereito na modalidade sénior.

Ademais do que se deixa dito, a figura de Antón Moreda cobra especial relevancia á hora de analizar a evolución do galeguismo e do nacionalismo despois da guerra civil ou mellor dito da ‘incivil’ como a el lle gostaba chamar. Moreda formouse politicamente na forxa dos galeguistas exiliados en Bos Aires, país ao que emigra con só 17 anos, e tal como el mesmo me expresa nun escrito cos trazos máis importantes da súa historia, no ano 1953 coñece ao señor Ares, bibliotecario do Centro Galego e que fora membro das Irmandades da Fala en Betanzos, da Sociedade Nacionalista Pondal e, ademais, era un dos principais dirixentes da Irmandade Galega, grazas a el, o mariñao coñeceu a moita xente nova que logo fundarían as Mocedades Galeguistas de Bos Aires, organización da que Antón Moreda chegou a ser o seu secretario xeral. Aqueles mozos e mozas serían para este galeguista sobranceiro os seus irmáns, unha familia que a pesar dos anos transcorridos segue viva ata a súa morte.

Sendo secretario xeral das Mocedades Galeguistas, participa como delegado desta organización no Primeiro Congreso da Emigración Galega, o que lle permite facerse unha idea da situación real da colectividade galega na emigración e da propia situación da terra. Alí fala con Velo Mosquera, antigo secretario xeral das Mocedades Galeguistas na terra e logo das de América, e tamén organizador do Diretorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), que realizou o asalto ao trasatlántico Santa María como protesta pola situación que atravesaba a Península baixo as ditaduras de Franco e Salazar (acontecemento que neste mes cumpre 54 anos). A partir daquela experiencia, Moreda toma conciencia de que o porvir xa non estaba en América, senón na propia terra, á que regresa en 1960, cunha encomenda clara deseñada polos galeguistas do exterior, que era a de organizar politicamente o galeguismo do interior, inmerso na deriva culturalista do piñeirismo, labor que lle supón pasar por difíciles avatares na percura dos seus obxectivos que o levan ao afundimento moral, remantando como lembramos nun hospital psiquiátrico, feito de especial relevancia e transcendencia histórica que trae causa da ausencia dunha forza política galeguista de vocación maioritaria e representativa dos intereses xerais de Galiza, tal como ten sucedido en Catalunya e Euskadi.

Neste tempo de turbulencias e trashumancia na familia nacionalista, que está a levar por diante os seus principais referentes, cecais sería convinte pór a mirada en Antón Moreda e moitos coma el, para orientar a nave á deriva, collendo a rota da ‘casa común’ da que xa se está a falar, o Partido Galeguista no que Moreda militou ata a súa morte; máis teño noticia que as súas siglas foron obxecto de pleitos inconfesables por mor do seu condominio e, aló están nun xulgado de Ourense, que seica lles dixo que non eran lexítimos para pleitear sobre esa materia litixiosa. ¡Que razón, señoría, eles non son lexítimos, son dos outros! Este feito causaría unha gran tristura aos nosos devanceiros, entre eles ao que hoxe lembramos, despois de ser unha fraude para a súa memoria.

Xosé Edrosa é presidente do Ateneo Galeguista Terra Chá

Comentarios