Zumbido de mosquitos

Unha das máis representadas e coñecidas zarzuelas, da autoria do catalán Amadeo Vives -o autor de ‘Maruxa’-, é ‘Doña Francisquita’. E dentro dela, quizais a romanza máis interpetada é a que comeza con aquilo de «Por el humo se sabe donde está el fuego», unha sorte de refrán de universal aplicación. Non hai mais que coller ao chou calquera dos acontecimentos que marcan a actualidade, para que a inspiración popular corrobore o contundente aserto. Pensemos nos tan abondosos casos de previsble corrupción, e nas inumerables fumatas que permiten a localización dos lumes, ou sexa unha verdadeira labarada se consideramos o conxunto, con tais escentileos e luzadas, que cegan e impiden acoutar con precisión os contornos e os contidos, por mais que non todos sexan iguais no seu conxunto, nen estén sendo instruidos univocamente.

Mais variando o rumbo, cando reparamos na máis famosa fumata, ou sexa a que procedia do tellado da capela Sixtina hai uns dias, de intensas e persistentes volutas brancas, soubemos imediatamente que habia un novo Papa. Pero o seu empaque mediático, non nos deixou fixarnos, non na fogueira, senón na curiosa forma que tiveron destacadas figuras da politica mundial, de arrimar a ascua á sua sardiña, dito sexa para continuar coas sentencias, proverbios e aforismos. Concretamente houbo un par delas tan estrondantes, como os foguetes de sete estalos. A traca comezouna o presidente en funcións de Venezuela, don Nicolás Maduro, que asegurou que na decisión, que se atribúe ao Espiritu Santo para orientar a elección, algo tivo que ver a intercesión, aló nos ceos, do recentemente finado señor Chávez. O certo é que quizais non lle falte razón, tendo en conta que o ideólogo da revolución bolivariana asegurou na tribuna da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que nela estivera o dia anterior nada menos que o Demo e que, mesmo, olia a xofre, en clara referencia ao daquela presidente norteamericano señor Bush. Non se alonxou moito destas aproximacións á doutrina, a presidenta do Brasil, dona Dilma Rousseff, que é católica e que afirmou que efectivamente o Sumo Pontifice é arxentino, pero Deus é brasileiro, que non está nada mal, ainda en ton rexoubeiro. Por iso, con este panorama temos que alabar a prudencia e mesura da representación española na entronización do papa Francisco, porque nen o presidente do goberno, nen o ministro de Xustiza e, nen sequer o falangueiro ministro do Interior, tan avezado nestas cuestións, abriron o bico. Claro que neste ultimo caso quizais o mérito é do previsible cilicio, que sen dubida teria a virtualidade de lembrar o precedente da actual Congregación para a Doutrina da Fe, que antes se chamou Tribunal do Santo Oficio da Inquisición, e que tiña por lema ‘Érguete, ou Deus, a defender a tua causa’, ou sexa ‘Exuge domine et judica causam tuam’, Psalmus 73.

É de supoñer non só que os osos de Arbués ou Torquemada rebolirán nas suas tumbas, senón que aquel a quen lle toque ser nomeado Prefecto para a Congregación citada, vai comezar cunha ardua tarefa o seu mandato.Quizais podería entoar o que segue na aria de tenor aludida: «Son mosquitos que vuelan/junto al que duerme /y zumbando le obligan/a que despierte».

Comentarios