PERFIL

Zulema Jorge: "Non sei de ninguén de Chantada que nunca viñera ao Lucus"

Abrín o Lucus nos comezos dos 90, hai 27 anos. Estiven unha década de emigrante en Suiza e sempre traballei no mundo da hostalería. De regreso a Chantada, o meu home e eu mercamos unha casa cun baixo onde montamos o mesón. No seu interior, só deixo bos recordos. Estoulle moi agradecida a esta vila e ao resto da comarca pola confianza.
Zulema Jorge López, copropietaria do Mesón Lucus de Chantada
photo_camera Zulema Jorge López, copropietaria do Mesón Lucus de Chantada

PARA MOITOS en Chantada a Rúa 2 de Maio é a rúa do Lucus. O histórico mesón pecha as súas portas despois de 27 anos. Zulema Jorge López abriuno en 1990 xunto ao seu home. Deixan atrás numerosas lembranzas. 

Como foron os comezos do Lucus?
O restaurante leva aberto 27 anos, desde os comezos de 1990. Os inicios foron complicados, pero moi bonitos. Eramos moi novos e todo era máis fácil. Abrimos o meu home e máis eu. Daquelas tivemos a un rapaz cun contrato de seis meses. Desde entón pasaron moitos traballadores por aquí. Todos estiveron moito tempo. Tivemos sorte con eles. Cando abrimos esta parte da vila estaba bastante descoidada. Lembro que moita xente nos dicía que estabamos tolos porque consideraban que esta zona estaba morta. Foi abrir o Lucus e viñeron detrás o pub Arena ou a discoteca D3. Agora esta parte de Chantada está máis parada, pero nos nosos primeiros anos funcionaba moito coma zona de viños e había moito máis ambiente. 

Por que decidiron abrir o restaurante?
Eu sempre traballei na hostalería. Tamén en Suiza, onde estiven dez anos. Cando volvín a Chantada co meu home mercamos a casa. Primeiro arranxamos a vivenda e logo o baixo. E decidimos probar. 

"Contamos co apoio da xente de Chantada desde o primeiro momento e iso é moi bonito"

Levaban moito tempo en Chantada cando abriron o Lucus?
Sobre cinco anos. Tivemos que preparar o local e ademais nesa época naceu unha das miñas fillas, Ana, polo que tivemos que esperar un pouco de tempo. 

Como era o Lucus ao principio?
Moito máis pequeno ca agora. A parte de adiante era igual, pero no comedor só había catro mesas. Despois dun ano puidemos aumentar a oito. Pasados dez anos puxemos a terraza e ampliamos o comedor, que actualmente ten 18 mesas. 

E a súa clientela sempre foi fixa?
Os clientes son unha marabilla. Emocióname moito pensar niso. Contamos co apoio da xente de Chantada desde o primeiro momento e iso é moi bonito. Sempre hai quen ven máis e quen ven menos, pero creo que podo dicir que non hai ninguén da vila que nunca viñera. Coñezo a tódolos rapaces novos, porque aquí fanse as ceas de fin de curso dos institutos ou os aniversarios. A moita xente a coñezo case coma se fose da miña familia. Teño clientes que celebraron aquí o bautizo dun pequeno e despois a súa comunión. E foi así desde o primeiro día. 

Pero algo de mérito terán vostedes, os traballadores do Lucus.
Non sei. Pode que caeramos simpáticos (ri). A verdade é que temos moitísimo que agradecerlle á vila de Chantada. 

E a clientela non lles di nada polo peche do Lucus?
Si, claro. Dalles mágoa a eles e a nós. Moita xente nos pregunta por que non continuamos. Pero xa nos toca descansar. Ademais agora fomos avós e tamén queremos gozar do noso neto. 

"Fernando Alonso comeu practicamente so cos seus acompañantes e logo fixémonos unha foto con el"

Lembra vostede a algún cliente sorprendente?
Moitos (ri). Por exemplo Fernando Alonso ou Quique San Francisco. Da Televisión de Galicia viñeron moitísimos. Hai pouco estivo aquí Dani de la Torre, o director da película ‘El Desconocido’. Roberto, o porteiro do Lugo, é moi bo cliente noso. Tamén veu Donato, o xogador do Deportivo. Moitísima xente. O que pasa é que non sempre estivo de moda sacarse fotos con famosos. 

Como foi o día no que Fernando Alonso entrou polas portas do Lucus?
Un pouco raro a verdade. Todo o mundo quedou quieto na parte de adiante. Ninguén pasou ao comedor, era como si á xente lle dera vergoña. Comeu practicamente so cos seus acompañantes. Foi moi atento. Fixémonos unha foto con el ao final. 

Parece que todo son bos recordos.
Si, marabillosos recordos. Puido haber algún puntual que non o fora, pero son moitos máis os bos ca os malos. Aquí fixéronse moitas ceas de xeración, tivemos clientes de idades moi distintas e celebráronse momentos xeniais. Só levo boas lembranzas do Lucus. 

E teñen preparado algo para despedir o Lucus?
Avanzo que haberá unha obra de teatro que vai facer aquí o día 30 o grupo Vaiadous. Pero tampouco queremos facer moito por non emocionarnos demasiado. Aínda así, supoño que algunha sorpresa máis haberá. 

Como será o primeiro día sen ter que abrir o Lucus?
Vainos custar un pouquiño porque nos encariñamos moito co día a día no Lucus. Todo é adaptarse. O baixo é noso e gustaríame poder alugalo para que continúe. Daríame moita mágoa velo pechado.

Comentarios