lunes. 18.01.2021 |
El tiempo
lunes. 18.01.2021
El tiempo

Zarzuela e propaganda

A LECTURA dun traballo de Javier Jurado, na revista Grial, pon no disparadeiro das lembranzas, unha antiga iniciativa parlamentar sobre a recuperación da lírica galega que, naturalmente, non foi estimada, sen que chegáramos a saber moi ben por qué. Recordamos, iso si, cal era o mecanismo que se empregaba por parte da maioría, tan absoluta como a que agora impera, para despachar aquelas propostas que, no fondo, consideraban aceptables, constructivas e mesmo plausibles, ainda que inaceptables por vir de quen viñan. Ou sexa o departamento correspondente, que era o de Cultura, a través dun fámulo calquera, elaboraba un ditame con catro lugares comúns e o deputado que menos sabía do asunto ou o situado nas antípodas conceptuais da materia, ou o máis afoutado e disposto a facer méritos, encargábase de despachar o asunto, sen máis. Mais naquela ocasión deberon facer unha excepción, pois que a portavoz en cuestión permitiuse acreditar a súa proximidade musical facendo unha referencia ás ‘particellas’ de ‘O mariscal’, a ópera de Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, baseada na obra teatral homónima de Ramón Cabanillas e Ramón Villar Ponte. Como xa dixemos a iniciativa foi desestimada, pero a propia parroquia quedou moi confortada ao comprobar que nas suas propias fileiras había alguén que coñecia o significado desa voz italiana que se refire á partitura correspondente a unha voz ou un instrumento dunha obra.

O autor do traballo aludido, explica cómo a ‘intellingentsia’ galeguista, percatouse das posibilidades propagandísticas do xénero para a propia causa, máis aló daquelas pezas folclóricas de tema galego ainda que en castellano, da que é un exemplo ‘Maruxa’ de Amadeo Vives, un autor catalán e un libretista murciano que tiveron un grande éxito, desde a sua estrea en 1914. Como era habitual, á marxe da música, praticamente ausente de aires galegos, estaba enchoupada de tópicos e lugares comúns, quizais un pouco na senda da sonada ‘Marina’, de Arrieta. En calquer caso hai autores que sinalan a esta e a outras pezas, como fitos superadores do concepto identificador do español co andaluz ou o ‘madrileño’, dito sexa polo atallo. Foi unha mágoa que un autor galego, de enorme calidade e éxito, como Reveriano Soutullo non incrementase a nómina do teatro lírico galego, ainda que hai estudosos, como Manuel Balboa, que sinalan que algúns pasaxes das suas mellores zarzuelas, mostran que «se non galega na forma e no asunto, si é música profundamente enraizada no noso sentir, en forma e acento». E cita concretamente algúns intermedios, duos e romanzas de ‘La del soto del parral’ e ‘La leyenda del beso’.

Por suposto que o entusiasmo non debe levarnos á ficción: as condicións nas que foi medrando, ao final do seculo XIX e comezos do XX a conciencia nacional, pensar nun teatro lírico en sentido propio sería situarse nunha arcadia, a da ilusión. Pero permanece o feito de que existe un patrimonio e que nada se fai para recuperalo e poñelo en valor.

Zarzuela e propaganda
Comentarios