A XVI Feira do Cabalo das Pontes repartirá case 3.000 euros en premios

A cita celebrarase o domingo 18 de setembro na Canle IV e os organizadores esperan reunir máis dun cento de xinetes

A Feira do Cabalo das Pontes, que cumpre 16 anos de historia o próximo mes de setembro, repartirá un total de 2.780 euros en premios nunha cita con longa tradición na localidade e que normalmente reúne máis dun cento de xinetes chegados desde diferentes puntos de Galicia e doutros lugares de fóra das súas fronteiras.

A cita celebrarase o domingo 18 de setembro na feira do cabalo da Canle IV, na que haberá, como é habitual, diferentes probas -carreira de trote de cruzados e trote de trotóns, chapeada, serrada e galope- e unha comida para os asistentes.

Os interesados en participar ou recibir máis información xa se poden poñer en contacto coa directiva de Cabaleiros do Eume, a asociación organizadora, nos números de teléfono 607.41.75.35 (Vicente) ou 669.72.38.16 (David).

A feira abrirá ás 10.00 horas e os participantes deberán inscribirse antes das 10.30 horas. Para a inscrición nas carreiras é obrigatorio presentar o libro de explotación, o de identificación de équidos, o seguro correspondente e o DNI dos xinetes.

Para todas as probas deberá haber o dobre de participantes que de premios. En caso contrario, a organización resérvase o dereito de modificalas. Os tempos tomaranse por célula e os participantes axustaranse ás normas.

A asociación Cabaleiros do Eume, que organiza a feira coa colaboración do Concello pontés e varios negocios locais, decidiu apostar este ano por unha imaxe renovada e organizou un certame de debuxo cos alumnos do colexio A Fraga antes de final de curso para deseñar o cartel anunciador deste ano, no que van representadas dúas das propostas gañadoras.

Premios . Entre os 2.780 euros en premios que se repartirán, hai 860 para marcha en chapeada que se dividen en dez galardóns de entre 150 euros do máis alto e 30 do máis baixo, igual que nos premios de marcha en serrada. En trote, repartiranse un total de 500 euros, con 250 para trotóns e outros 250 para cruzados. En carreira de galope, os galardóns alcanzarán a cifra dos 560 euros, con premios que van desde os 100 do primeiro clasificado aos 30 do que quede cuarto.

Comentarios