Xustiza, pero con xeito

Volven estar de actualidade os piratas, cando pensabamos que quedaran no pasado ou nas historias de aventuras. Atacan nos mares próximos a Somalia onde asaltan todo tipo de navíos: pesqueiros, petroleiros e cruceiros, de maneira que os países occidentais tomaron medidas drásticas, enviando buques de guerra e helicópteros para vixiar esas augas. Deste xeito, evitaron varios ataques e detiveron aos asaltantes armados. Con todo, quíxose evitar unha operación de exterminio e, que se saiba, non se atacou preventivamente a ningunha das naves piratas, equipadas con todo tipo de moderno armamento e explosivos. Mesmo se acordou cun país veciño, Kenia, que se encargue de reter aos capturados, ofrecéndolles un xuízo con garantías. Evítase así que sexan entregados na súa terra de orixe, que vive no caos e onde ou ben quedarían impunes ou serían axusticiados sen ningún tipo de contemplacións.

Até aquí todo parece dentro dos termos do razoable. O irracional empeza coa decisión dun xuíz español de que un grupo destes piratas apresados pola forza militar española foran postos en liberdade. Non porque os considerase inocentes, senón por un confuso problema de tramitación e competencias que o enfrontaba ao fiscal. O que este señor xuíz ordenou era que a frota de bandeira española se dirixise á costa para poñer en liberdade a estes perigosos delincuentes. En realidade este tipo de actuacións xudiciais non son estrañas nun país onde cada día ao abrir o xornal podémonos atopar con decisións que se nos antollan peregrinas. Os xuíces adoitan xustificarse alegando que se limitan a cumprir estritamente a lei ou, como neste caso, que atopan algún baleiro legal.

Teñen toda a razón os maxistrados cando din que as leis hai que cumprilas e hai principios básicos que se consideran fundamentais, como é o de non condenar en caso de dúbida. Pero penso que sería necesario, entón, engadir unha nova norma que esixa das leis penais que saen do Parlamento así como das resolucións xudiciais, que  se axusten ao que a maioría entendemos por sentido común. Quizá así os xuíces xa non se visen obrigados a liberar a xente como estes piratas armados que, sen dúbida, volverían poñer en perigo a vida doutros tripulantes que navegan pola zona do Golfo de Adén. Tampouco se mandaría á rúa a perigosos narcotraficantes, alegando prescricións de prazo ou sospeita sobre a obtención de probas; ou a membros de bandas de delincuentes que son detidos pola mañá para ser liberados pola tarde, dándolles marxe para volver delinquir ao día seguinte; por non falar dos violadores ou maltratadores que logran a liberdade, a pesares de que haxa a convicción de que reincidirán en breve prazo. Todo o mundo está de acordo en que se conseguiu abordar en serio o problema do terrorismo e, nesta materia, nin policía nin maxistrados dan tregua. Pero para o resto de asuntos, e dependendo do xuíz que os tramite aínda hai unha gran marxe para a sorpresa.

Isto é o que a sociedade pide que se evite, con estritos protocolos como os que xa se aplican en mediciña ou aeronáutica e que aforran a cotío moitas vidas humanas.

Comentarios