Xurxo Souto reivindica a maxia do cine en Roca, "o centro do mundo"

Tamén lembrou a figura de Manuel Caamaño Ventín, que ía polas aldeas da Costa da Morte proxectando cine mudo, e de "grandes artistas" coma Crisando de Rábade ou Josefa do Cando
Xurxo Souto, na actuación musical de presentación
photo_camera Xurxo Souto, na actuación musical de presentación

Xurxo Souto pregoou este venres o IV Festival de Cine de Música de Roca, unha cita que "converte unha aldea pequeniña no centro do mundo", e dende a que reivindicou "a lanterna máxica, a maxia do cine".

Souto lembrou a figura de Manuel Caamaño Ventín, que ía polas aldeas da Costa da Morte proxectando cine mudo, e de "grandes artistas" coma Crisando de Rábade ou a guitiricense Josefa do Cando.

Ademais, definiu coma un "agasallo persoal" o poder presentar e "traer o Atlántico a Terra Chá" coa presentación de Dos Gaiteiros do Mar, onde o pescador xubilado Manoliño de Donón ve cumprido o seu soño de subir ao palco do Carnaval de Hío, e agradeceu a posibilidade de ver Morrer devagar, a peza de Irene Pin e Begoña Fernández sobre os refuxiados en Grecia.

O festival péchase este sábado co concurso de curtas, no que compiten tres galegas e nove internacionais, que se proxectarán ao carón da escola ás 21.30 horas.

Comentarios