Xurxo Souto constata un aumento de la música gallega en los dos últimos años

The Homems, en pleno esforzo de power pop (Foto: XESÚS PONTE)
photo_camera The Homems, en pleno esforzo de power pop (Foto: XESÚS PONTE)

O músico Xurxo Souto declarou onte que nestes dous últimos anos «produciuse un relampo de música galega, porque houbo unha chea de grupos que estaban aí e que se deron a coñecer; sobre todo, na Coruña e Vigo». O ex cantante de Os Diplomáticos de Monte Alto participou no ciclo Músicas Galegas de Actualidade, que promoven a Vicepresidencia primeira da Deputación e máis a AS-PG e que se desenvolve no Museo Provincial de Lugo.

Souto sitou «numerosos protagonistas novos» na escea musical galega, dende logo, «moitos máis ca no Bravú, que nos movíamos na marxinalidade e agora dise que acaparábamos todo». Esa amplitude sobrepasa o rock e o pop e chega «á música electrónica, ao hip hop; á música disco, con Projecto Mourente, ou a un movemento coral, como Galegoz». Outra diferenza é que «xa non hai necesariamente unha reivindicación de que se poden facer músicas actuais en galego, como houbo hai vinte anos».

Con todo, a maior mudanza que apuntou Xurxo Souto foi que esta eclosión ten por escenarios «dúas cidades nas que sempre se di, falsamente, que desapareceu o galego, A Coruña e Vigo». O experto subliñou «o movemento ‘coruñento’, con Fracasados de Antemano, Duplo Son ou Chámalle X».

Teclado
A banda The Homens presentou o seu novo disco, ‘Cuarta potencia’, no contexto deste ciclo e achegou, a maiores, a novidade da incorporación dun cuarto membro, o teclista Cristovo. O baixista, o monfortino Roi Fernández, indicou que se trata do seu álbum que «soa máis forte e, asemade, máis melódico». O primeiro «débese ao noso produtor, que ten querencia polas guitarras, e o segundo, aos teclados». A achega de Cristovo permitiulles «reforzar a identidade de grupo de pop forte con xogos de voces e harmonías».

O obxectivo para este disco é «dar máis concertos fóra de Galicia, aínda que non é doado porque hai moitos promotores de concertos que nos poñen atrancos por cantar na nosa lingua».

Comentarios