Xuntanza no Buriz ao redor dos cabalos

Un grupo de amigos, afeccionados ao mundo ecuestre, organizou un multitudinario encontro que contou cunha ruta ecuestre, cunha comida popular, cunha exhibición de pastoreo con border collie ou cunha xincana cabalar

Un grupo de amigos, afeccionados ao mundo ecuestre, organizou unha xuntanza cabalar no Buriz (Guitiriz) que superou todas as súas expectativas, ao xuntar máis dun cento de cabalos na ruta que abría o encontro e a 400 persoas no xantar celebrado ao carón da capela de San Nicolás.

«Vímonos desbordados pola xente que acudiu, só podemos transmitirlles a todos o noso agradecemento», expresaron dende a organización, integrada por Vitorio, Juan, Ceci, Patriarca, Minero e Cancela, que ademais recibía unha homenaxe como cabaleiro máis veterano do Buriz. Os seis deseñaron unha completa xornada de actividades para acompañar o paseo equino ao que se sumaron xinetes chegados dende distintos puntos de Lugo e da Coruña.

O roteiro partiu do San Nicolás cara a Corvite, Campoverde, San Cibrao, a Abeleira, Ferreiros, os eólicos ou o Penediño, para volver á capela, onde houbo misa, sesión vermú amenizada por Unión y Fuerza, que tamén tocou á noite, liscada gratuíta ou xogos para os nenos con Brinkadeiras.

Logo do xantar, servido pola Pulpería Taboada de Melide, houbo un sorteo de regalos. Os premios máis destacados foron un año, que lle tocou a Jordi do Barreiro, e unha poldra, que recaeu en Laura de Minero.

A cita contou cunha exhibición de pastoreo de ovellas e aves con cans border collie, a cargo de Víctor Piñeiro (Cospeito), con Anko, e de Diego Terrón (Lourenzá) con Mac e Gwen. Ademais, houbo unha xincana cabalar, na que José López, de Muras, se fixo coa vitoria ao superar o circuíto en 38 segundos e 28 centésimas, seguido do mindoniense Moreno e do local Maikel de Vitorio.

Comentarios