A Xunta sufraga a apertura de igrexas no Camiño

Turismo de Galicia subvenciona a contratación de persoal e o mantemento ► O Bispado de Lugo recibiu 98.000 euros e o Arcebispado de Santiago, 35.000
Catedral de Lugo
photo_camera Catedral de Lugo

As igrexas máis significativas do Camiño de Santiago abrirán este verán para facilitar o acceso dos peregrinos. A Xunta de Galicia vén de asinar un convenio co Bispado de Lugo para contribuír á contratación de persoal e ao mantemento dos templos. En virtude deste acordo, Turismo de Galicia achega 98.000 euros para o Bispado de Lugo e 35.000 para o Arcebispado de Santiago de Compostela.

Estas partidas deberán destinarse a gastos de persoal para apertura e vixilancia dos templos e para o mantemento. A Igrexa comprométese, pola súa banda, a abrir as igrexas no horario establecido para cada unha ata o 30 de setembro.

Desde a Xunta de Galicia apuntan que esta medida ten como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e do seu patrimonio en bens inmobles. Sosteñen que as igrexas polas que pasa o Camiño albergan «unha gran riqueza cultural, histórica e artística» que debe ser coñecida.

Os responsables de Turismo de Galicia estableceron esta liña de axudas para garantir que os templos poidan ser visitados polo menos nos meses de maior afluencia de peregrinos, é dicir, no verán.

As igrexas que se inclúen no convenio pertencen aos camiños Francés, Primitivo, Inglés, da Prata e Portugués.

Na provincia de Lugo afecta a tres do Camiño Primitivo, na Fonsagrada, Castroverde e a catedral de Lugo, e a oito do Camiño Francés, en Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Portomarín e Palas de Rei. Ademais, abrirán tamén tres igrexas no municipio veciño de Melide, as de San Xoán de Furelos, San Pedro de Melide e a capela de San Roque.

En total, o programa de apertura inclúe 31 templos de toda Galicia.

Comentarios