A Xunta recoñece como Árbores Senlleiras cinco exemplares de Muimenta

Xotramu reivindicaba a inclusión de catro carballos e un freixo dende o ano 2013
Dous dos exemplares
photo_camera Dous dos exemplares

 A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia vén de resolver positivamente a petición da Asociación Cultural, Veciñal e Deportiva Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu) de incluír no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras un total de cinco exemplares centenarios que se atopan no recinto da escola e da igrexa vella de Muimenta. 

A solicitude da asociación chairega remóntase ao ano 2013, cando remitiron un escrito á Xunta no que pedían a inclusión dunha formación de catro carballos e un freixo neste catálogo, ao considerar que estas árbores constituían "un patrimonio cultural valioso, de interese público e irrecuperable no caso da súa destrución". Ademais, Xotramu tamén incidiu no seu momento na necesidade de garantir "a conservación dos hábitats naturais e das especies da flora e da fauna", salientando o interese cultural desta formación, á que o escritor Xosé Crecente Vega lle dedicou un poema, concretamente ao freixo, exposto nunha táboa ao carón da propia árbore. 

Trátase dunha formación que posúe "características excepcionais"

Dous anos despois desta reivindicación, o servizo provincial de Conservación da Natureza de Lugo realizou unha inspección e comprobación das características da formación, tomando fotografías e constatando o bo estado de conservación que presentaban os cinco exemplares en cuestión. 

En base a isto, os membros do Comité das Árbores Senlleiras informaron das súas consideracións, nas que se reflicte que se trata dunha formación que posúe "características excepcionais", e que a fan merecente non só da súa inclusión no rexistro, senón tamén "da súa protección". 

Neste catálogo, que depende da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, inclúense todas aquelas árbores e formacións, de calquera especie, que sexan merecedoras de medidas específicas de protección e atención ás excepcionais características do seu porte, denodrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia.

Comentarios