Xunta e Concello buscan vivenda para a familia de Friol á que lle ardeu a súa

Barallan a opción de que se instalen nun piso da Administración ou subvencionarlles un alugueiro por 3 anos

O Concello de Friol e a Xunta confirmaron que se implicarán na procura dunha solución para o matrimonio de Bedús ao que lle ardeu a vivenda.

O alcalde friolés, José Ángel Santos, mantivo contactos nos últimos días co delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, con quen estudou as opcións de auxilio que ofrece a Administración autonómica para estes casos. Santos explicou que a Xunta dispón de dúas liñas de axuda das que podería beneficarse a familia de Bedús.

Por unha parte, a Xunta pode poñer á súa disposición unha vivenda de protección oficial, que poderían ocupar de forma gratuíta durante un tempo determinado. Neste momento, en Friol non hai vivendas deste tipo libres, pero poderían optar a unha nun concello próximo, como Outeiro de Rei ou Lugo.

A Administración autonómica ofrece tamén a posibilidade de concederlles un bono de alugueiro, que suporía unha axuda de 175 euros ao mes durante tres anos para que alugasen a vivenda que eles quixesen e no lugar que elixisen.

O alcalde de Friol asegura que desde o Concello continúan buscando xeitos de axudar a esta familia que perdeu a súa casa e todo o que tiñan dentro dela.

Comentarios