A Xunta denegou a cesión gratuíta da antiga cámara agraria de Láncara

O Concello volverá pedir o seu traspaso sen custo ou ben pagando un prezo simbólico

A Xunta de Galicia denegou a cesión gratuíta da antiga cámara agraria de Carracedo, polo que o Concello volverá solicitar o seu traspaso sen custo para as arcas municipais ou ben pagando "un prezo simbólico", afirmou o alcalde, Darío Piñeiro. 

A corporación municipal aprobou por unanimidade nun pleno hai uns meses solicitar a cesión deste edificio a raíz dunha moción do concelleiro socialista Óscar Rodríguez. Esta non foi a primeira vez que o Concello intentou facerse coa propiedade da construción, pois xa o tratou en anteriores mandatos. Sen ir máis lonxe, no ano 2012 o pleno aprobou, tamén por unanimidade, adquirir o inmoble por 19.800 euros, aínda que non o logrou. A última oferta que presentou foi por 19.000 euros, proposta que non foi aceptada pola Administración galega. 

O rexedor afirmou que agora non está disposto a que o Concello pague ese importe. Segundo sinalou, será solicitada de novo a súa cesión gratuíta e a idea é dedicar a cámara agraria a un albergue para o Camiño Real, ruta que discorre xunto ao inmoble. 

ESTADO. O edificio, de baixo máis unha planta, estaba arrendado polo Concello, aínda que foi deixado hai uns meses ao rematar o contrato. O alcalde denunciou que a construción se encontra "abandonada e a maleza sobe polas paredes", polo que lle esixiu á Administración autonómica que a conserve en bo estado. "Non ten sentido que a Xunta aplique a lei para loitar contra o feísmo e despois incumpra ela a normativa", manifestou Darío Piñeiro. 

Este denunciou tamén que se lle reclamaba ao Concello o pago do recibo do catrasto por este inmoble, ao que se negou ao non ser propiedade municipal e non telo na actualidade arrendado.

Comentarios