A Xunta comprométese a incrementar as horas de dependencia en Muras

O conselleiro de Política Social mantivo un encontro co rexedor no que tamén abordaron a apertura do PAI
Rey Varela e Requeijo, na súa reunión
photo_camera Rey Varela e Requeijo, na súa reunión

A Xunta comprométese a estudar un incremento no número de horas de atención a persoas dependentes en Muras, tras unha reunión mantida entre o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o rexedor do municipio, Manuel Requeijo, co obxectivo de "continuar mellorando a cobertura desta prestación que forma parte do sistema autonómico de atención á dependencia".

Na actualidade, estanse prestando 1.271 horas e hai nove persoas en lista de agarda e unha que non dispón de todas as horas recoñecidas, tal e como indicaron dende o Concello, que cifraron en 214 as horas necesarias a maiores para dar cobertura a todos.

Na reunión, na que se abordaron as necesidades existentes no municipio, Rey Varela e Requeijo -tamén estivo presente a tenente de alcalde Belén Chao- abordaron outros temas, como a necesidade de axilizar a apertura do PAI, pendente da licenza autonómica e de documentación e pequenas reformas que terá que promover o Concello.

"Escoitáronnos e dixéronnos que tomaban nota e que intentarían axilizar o proceso", indicou Requeijo, que se mostrou optimista con que, se as cousas van rápido, "en dous meses" poderían abrir as instalacións. "Esperemos que avance", dixo. Ao respecto, a Xunta expresou tamén o seu compromiso de avanzar nos trámites para poñer en funcionamento este servizo, "que poderá iniciar a súa actividad unha vez que estea plenamente adaptado ás esixencias e normativas vixentes".

Entre outros temas, o conselleiro e o rexedor acordaron que continuarán estudando posibles novas vías de colaboración entre as dúas administracións co fin de mellorar os equipamentos e servizos, como o de Xantar no Fogar, cuxo convenio está pendente de asinar. Requeijo tamén lle trasladou ao conselleiro a súa política de bonificación da luz aos veciños. "Falamos de pobreza enerxética e felicitounos pola nosa medida", expresou o rexedor.

Comentarios