A Xunta comezará a traballar a vindeira semana na reparación da ponte da Misericordia de Viveiro

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que se actuará sobre un dos tallamares e a varanda de fundición
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, na ponte da Misericordia
photo_camera O delegado territorial, José Manuel Balseiro, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, na ponte da Misericordia

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda acometerá nun prazo máximo de 15 días os traballos de reparación da ponte da Misericordia de Viveiro, coa intervención nun dos tallamares e na varanda de fundición.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, desprazouse este martes ao lugar con técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (Axi) para coñecer o alcance das obras. Balseiro explicou que se actuará para reintegrar os sillares desprazados nun tallamar, ao tempo que se desenvolven traballos de mantemento e pintado da varanda.

O prazo estimado de execución das obras será dunha semana. Para a reparación do tallamar empregarase unha estada colgante que permita acceder á zona sen afectar ao leito da ría. Por elo, probablemente sexa preciso cortar un dos carrís de circulación para traballar de modo máis eficiente e seguro, tanto para o persoal encargado da obra como para os usuarios da estrada.

Balseiro: "Esta intervención é necesaria para recuperar a mellor imaxe da ponte"

O delegado explicou que a Xunta "fai un seguimento continuo desta e doutras infraestruturas, con inspeccións periódicas, de forma que podemos garantir que en ningún caso estivo comprometida a estabilidade ou a seguridade da ponte porque non existe dano estrutural". Precisamente nos vindeiros días realizarase outra inspección exhaustiva da ponte, incluídas as cimentacións a través de medios acuáticos, no ámbito do programa de inspección e xestión de estruturas e obras de paso da Axi.

En todo caso, engadiu Balseiro, "esta intervención é necesaria para evitar un deterioro maior e recuperar a mellor imaxe da ponte da Misericordia, un elemento de singular relevancia que está incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia".

Comentarios