Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

A Xunta busca "consenso" en Muimenta e os veciños, recuperar as liñas de bus

Paz, Balseiro, Castosa e Represa, na reunión
Paz, Balseiro, Castosa e Represa, na reunión
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, reuniuse co alcalde de Cospeito, un dos concelleiros e coa xefa de servizo de mobilidade lucense

A Xunta busca "consenso" co Concello de Cospeito e as asociacións de Muimenta para buscar melloras na conexión por autocar entre Muimenta e Lugo, na procura de "impulsar unha fórmula que sexa satisfactoria para todos", tras as críticas das entidades veciñais, que esixen recuperar as liñas que se recortaron.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse o luns a Cospeito e mantivo unha reunión co alcalde, Armando Castosa, o concelleiro de Muimenta, Daniel Paz, e a xefa do servizo de mobilidade de Lugo, Pilar Represa.

Nesta primeira xuntanza non estiveron presentes os representantes das asociacións de Muimenta que esixen recuperar o servizo, xa que alegaron falta de dispoñibilidade por cuestións laborais, tras cambios de datas de última hora.

Dende a delegación territorial da Xunta consideran que "debidamente representados non sería necesario que estivesen todas as asociacións presentes, pero para facilitar que poida ter lugar un segundo encontro co maior número posible dos membros destes colectivos comprométense a desprazarse a Cospeito para manter unha nova reunión", explican. Pero os colectivos culturais e veciñais reclaman, non unha nova reunión, senón que se lles presente por escrito a proposta da Xunta para poder facer unha asamblea veciñal.

"Ao principio ía ser o martes a reunión, despois cambiouse para o luns, e non temos dispoñibilidade absoluta nin de horarios nin de axenda", din dende os colectivos, ao tempo que reiteran a súa "sinxela reivindicación": manter os diferentes servizos de autobús que comunican Muimenta con Lugo, sempre con parada no Hula.

"Ata o pasado día 7 había dous de ida entre Muimenta e Lugo, con saídas ás 07.30 e ás 15.00 horas, e tres de regreso, con saída da estación de autobuses ás 13.30 horas, ás 18.15 e ás 19.30", recordan. "Non todo é rendibilidade económica, tamén existe rendibilidade social, e o transporte público e un servizo público", defenden as asociacións de Muimenta, que reivindican a vida no rural mentres esixen unha solución para agora e para o futuro.

A Xunta busca "consenso" en Muimenta e os veciños, recuperar as...
Comentarios