Xoves de inestabilidade en Galicia, con chuvascos no norte e neve nas zonas altas

Os termómetros oscilarán en Lugo entre os catro graos de mínima e os 11 de máxima
Unha muller cun paraugas. ADRA PALLÓN
photo_camera Unha muller cun paraugas. ADRA PALLÓN

A situación de inestabilidade atmosférica continuará este xoves en Galicia. Así, espérase ceo con alternancia de nubes e claros, con chuvascos no terzo norte, ocasionalmente de neve en zonas altas.

Segundo información publicada por Meteogalicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, o vento soprará de compoñente norte, moderado en xeral, con intervalos fortes no litoral norte. 

Pola súa banda, as temperaturas non experimentarán cambios significativos. Deste xeito, nas cidades galegas as máximas subirán ata os 17 graos en Pontevedra e Ourense, mentres que en Lugo os termómetros non superarán os 11 graos. En canto aos valores mínimos, descenderán ata os catro graos na capital lucense, pero en A Coruña non baixarán de dez, e na Boa Vila, dos oito graos no momento máis xélido da xornada.

PRIMERAS NEVADAS. Na Montaña de Lugo e, máis aínda, en zonas altas da provincia de Ourense recibiron este mércores as primeiras folerpas do outono. As previsións de Meteogalicia xa anunciaban que, nunha xornada na que os termómetros rexistrarían un lixeiro descenso, as precipitacións serían en forma de neve nos cumios máis altos. E así foi, e pode volver ocorrer este xoves.

O inicio de novembro deixa así as primeiras imaxes brancas da temporada, especialmente brancas en Cabeza de Manzaneda. Alí, segundo informou a TVG, os traballadores da estación de montaña xa estaban traballando na preparación da apertura a finais de mes e víronse sorprendidos pola nevarada da pasada noite. De feito, os termómetros caeron ata alí ata os -2,2 graos. Só na Veiga, tamén en Ourense, baixaron máis este mércores en Galicia, ata os -2,5.

Os datos de Meteogalicia constatan que as temperaturas tamén baixaron por debaixo de cero nalgúns puntos de Lugo: a mínima nos Ancares foi de -0,3 e no Alto do Poio, de -0,2. Así é que na Montaña de Lugo tamén asomaron as primeiras neves.

O motivo do descenso das temperaturas, é a entrada dunha masa de aire ártico marítimo que provocou que as zonas altas rexistren valores "moi baixos", situación que podería repetirse este xoves.

CAMBIO A PARTIR DO VENRES. A situación cambiará a partir do venres, debido á influencia anticiclónica. 

Polo momento, responsables da xestión da estación de Manzaneda confirmaron que xa iniciaron os preparativos para a posta a piques das instalacións para a tempada invernal. "Os primeiros flocos, que chegan co mes de novembro recentemente estreado, animan a ser optimistas aos amantes deste deporte e, se a climatoloxía o permite, os descensos en esquís polas súas montañas poderán gozarse a partir do sábado 27 de novembro e ata o 17 de abril do 2022", sinalan nun comunicado.

Comentarios