Xove exalta o sábado "o mellor de todos" os percebes cunha gran degustación

A organización ofrecerá arredor de 400 quilos do crustáceo entre os asistentes, que tamén poderán gozar dunha agradable xornada amenizada polo grupo Saíñas e unha discomóbil
Asistentes á Festa do Percebe nunha das pasadas edicións
photo_camera Asistentes á Festa do Percebe nunha das pasadas edicións

Xove celebra mañá a súa Festa do Percebe. Esta exitosa cita gastronómica repite por quinto ano consecutivo a exaltación dun dos crustáceos máis valorados do litoral galego. Un equipo dunha vintena de mariscadores da confraría de pescadores de San Cibrao afánase estes días en recoller o produto nas costas do concello xovense.

"Eu diría que é o mellor percebe de todos, nin o do Roncudo, por facer unha comparación", afirma entre risas Jordi Meitín Serantes, integrante do comité organizador. "Sobre todo co tempo que houbo, vai ser un percebe espectacular", apunta.

A organización contará con 400 quilos de percebes, os cales dividirán en máis de 1.600 racións que serán repartidas entre o público a partir das doce do mediodía ata o fin de existencias, o que permitirá aos asistentes xantar e cear se así o desexan.

Os participantes disporán asemade dunha carpa ubicada na Praza do Concello na que poderán degustar as racións de percebes, cuxo prezo ascende aos 12 euros e inclúe o obsequio dun prato conmemorativo da celebración.

Tamén será posible acompañar o produto con empanada de polbo, de zamburiñas, de bonito ou cunha mixta de mariscos. O prezo de cada unha das racións será de 3 euros.

En canto á bebida, os organizadores ofrecerán viño Albariño a un prezo popular de 6 euros a botella. Tamén haberá outras opcións como cervexa, refrescos, auga e outro tipo de viños.

Comentarios