Xove celebra un certame literario e outro de artes plásticas polas Letras Galegas

O Concello de Xove organiza un certame literario e outro de artes plásticas para nenos e mozos do municipio co obxecto de conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano está adicado a Lois Pereiro.

No concurso literario poden participar alumnos de tódolos cursos desde primeiro de primaria a cuarto de ESO. Poden escoller entre facer poesía de medida e tema libres, un relato ou conto de tema libre, ou unha redacción, que obrigatoriamente ten que ser sobre a vida ou obra do homenaxeado. En canto ó certame de artes plásticas, poden presentarse os mesmos cursos anteriores e tamén nenos desde os tres anos. Neste concurso os participantes poderán optar por facer un debuxo de tema e composición libres ou un cómic sobre a vida e obra de Pereiro.

Todas as creacións, tanto literarias como plásticas, deberán ir escritas en galego. En ningún caso os traballos deberán ocupar máis de dous folios por unha soa cara. Cada neno poderá presentar tantos como desexe e deberanse entregar na biblioteca de Xove antes do venres 6 de maio ás 20.30 horas. Haberá tres premios por curso para cada un dos concursos, que consistirán nun diploma e un lote de libros ou material escolar.

Comentarios