Xosé Neira Vilas: ''Creei a Balbino nun bar e o primeiro en lelo foi o camareiro''

‘Memorias dun neno labrego’, a obra que deu vida a un rapaz que pasou de ser un ninguén a dar a volta ao mundo, celebra o 50 aniversario da súa primeira edición en Buenos Aires. O autor do libro máis lido da literatura galega recoñece que nel plasmou a súa relación cos pais, a vida escolar, a igrexa, os xogos e, obviamente, o ámbito xeográfico.

Hai xa 50 anos que naceu Balbino, aquel neno labrego que era un ninguén e que acabou por dar a volta ao mundo. Xosé Neira Vilas, pai daquel rapaz protagonista de ‘Memorias dun neno labrego’, séntese orgulloso de poder conmemorar medio século de vida da primeira edición da obra, que foi publicada en Buenos Aires e editada por Follas Novas. A biblioteca provincial de Lugo quíxose unir a esa celebración coa exposición ‘Querido Balbino’, un percorrido pola vida daquel rapaz labrego e do seu autor, unha mostra que abarca dende o audiovisual, fotografías e ata documentos tan persoais como o mesmo pasaporte do escritor.

Considera que a súa carreira está eclipsada pola figura de Balbino?
Non. Desde logo teño outros moitos libros, posiblemente de elaboración máis completa, e a figura de Balbino non eclipsou esas obras, aínda que dalgunha maneira este libro destaca sobre os outros, porque se segue reeditando.

Que ten ‘Memorias dun neno labrego’ de autobiográfico?
A parte da anécdota non é miña. Meus pais eran campesiños pero con terras propias. Non é meu o problema do señorito provocador. Non pertence á miña biografía a parte na que fuxiu da casa. Todo eso é creación, creado pero posible. En cambio si é meu o ámbito xeográfico, os ríos, os xogos dos rapaces, a vida escolar, a igrexa e a relación dos pais cos fillos...Todo eso esconde un ámbito xeográfico  e social meu e de miles e miles de rapaces da época dos anos 40.

É o libro máis lido da literatura galega. Como o fai sentir iso?
Pois iso compromete máis. De feito, desde que se cumpriron os 50 anos da primeira edición chamáronme de moitos colexios para estar cos rapaces, que incluso debuxan ‘balbinos’... É esa a responsabilidade como autor, pois que si me chaman teño que asistir. Polo demais, eu síntome un escritor máis.

Escribiu o libro nun bar...
Si, porque eu traballaba nas oficinas dunha empresa importadora de madeiras en Buenos Aires, e eu polo meu traballo tiña que ir aos bancos, que abrían ata cedo polas tardes. Entón, remataba de contado o meu traballo e quedábanme horas por diante, e sentábame no local, pedía algo de beber (e incluso ás veces nin pedía nada), e escribía.

De feito, o camareiro do bar foi o primeiro que leu o libro...
Era un camareiro de Ourense, e el foi o primeiro que leu o libro, a anacos, pois eu escribía e el curioseaba e interesábase porque el tamén era labrego. Pero entre que  non sabía ler moi ben, e menos en galego, e coa miña mala letra, non atinaba moi ben. Entón, cada vez que eu me iba pola tarde, líalle o que escribía por episodios. A segunda lectora foi a miña muller, que tamén fora una nena campesina de Ourense, e o terceiro, foi Rafael Dieste.

Que influencias literarias tivo?
Moitísimas, moi dispersas. Eu lin de todo. Lin os clásicos españoles, autores rusos, latinoamericanos, galegos (por suposto)... Gústame a novela, pero o xénero que máis me interesa é o conto breve, que tivo moito desenvolvemento en América Latina.

Vostede dixo nalgunha ocasión que non coñeceu realmente Galicia ata estar na emigración...
A Galicia inmediata si, pero non tiña a noción histórica e cultural de Galicia, o que eu descubrín en Buenos Aires. Tomei conciencia de Galicia en América Latina, co contacto cos exiliados e emigrantes. Alí había moita cultura; exposicións de pintura, concertos, emisoras de radio, libros, periódicos, revistas...E incluso en Buenos Aires empecei a tomarme en serio a miña carreira como escritor e como periodista. Escribín en cantas publicacións galegas había alí. Tiñamos unha actividade moi intensa, e o meu coñecemento de Galicia ven asociado á miña vocación. Polo tanto, desde ese momento escribo sempre e únicamente en idioma galego. Dos 43 anos que estiven en América non escribín ningún libro nin ningún artigo que non fora en idioma galego, a non ser nalgunha ocasión que colaborei coa prensa latinoamericana.

Que influencias galeguistas tivo?
Moitas, moitas. Dicir o nome de algún sería incluir a outros. Estaban Rafael Dieste, Luis Seoane, Blanco Amor, Adolfo Prada... Moita xente influíu en min. Era un mundo moi especial.

Nalgún momento pensou que non valía a pena loitar por Galicia e o idioma galego?
Non, nunca pensei iso. De feito asumino como un compromiso, como unha actitude patriótica e xa nunca máis a abandonei. Sempre me comuniquei con medio mundo en galego e difundín os valores de Galicia. Para nós, os emigrantes, o idioma era como unha bandeira.

Que foi o que máis botou en falta na emigración?
Botei en falta á miña xente, aos meus pais, aos meus irmáns... e logo a paisaxe. Pero como diría Castelao, eu vivín sempre en Galicia. Incluso sabía máis eu estando en América Latina que algún dos meus colegas estando en Galicia.

Ten algún proxecto en mente?
Estou traballando nunha novela, e  cando a remate continuarei cun libro de contos.

A Asociación Galega de Escritores nomeouno autor do ano 2010. ¿Que significou este recoñecemento para vostede?
Precisamente foi aquí, en Lugo, e para min foi moi estimulante, moi agradable e unha experiencia moi bonita.

PANORAMA GALEGO
«A Galicia que nós defendiamos era unha Galicia ideal, e había que confrontala coa Galicia real»

>Despois de tantos anos sin estar en Galicia, ¿cal foi a súa impresión ao chegar aquí?
Tardei 12 anos en vir a primeira vez, e a xente estaba moi cambiada, atopei xentes novas. Tiven que recuperar aquela terra miña. A Galicia que nós defendiamos era unha Galicia ideal, e había que confrontala coa Galicia real.

Como ve o panorama galego actual?
Algunhas das cousas que se crearon na emigración teñen prioridade agora. No territorio cultural faise moito, aínda que podería facerse mellor, xa que todo é mellorable. Publícanse libros, hai exposicións de pintura, teatro, documentais en galego, utilízase moito a lingua galega (aínda que se podería utilizar máis), temos algo de prensa, radio, televisión, ensino...

Que futuro lle augura ao galego?
O idioma consolídase cada vez máis. Temos unha serie de obras fundamentais que o van consolidando e axudan a que se fale máis, porque a fala é máis importante que todos os libros.

Que consello lle daría aos mozos que se inician nas letras galegas?
Primeiro, que lean moito. Segundo, que lean ben, xa que non é só ler e pasar a correr. E por último, que escriban moito sen preocuparse por publicar. Eu levaba once anos escribindo ata que publiquei a primeira obra. 

Comentarios