Xosé Luís Regueira: ''Los jóvenes que se acercaron al gallego con el Xabarín fueron después abandonados por la TVG''

Natural de Goiriz, Xosé Luís Regueira analizou onte no seu discurso de entrada na Real Academia Galega (RAG) como conviven no século XXI distintas formas de oralidade en Galicia: a que sobrevive nos estertores da sociedade tradicional, o discurso público dos medios de comunicación e dos políticos e a achegada polas novas tecnoloxías. 

«todos falamos de lingua porque é unha ferramenta que temos que empregar en momentos importantes: nunha entrevista de traballo ou para gañarlle unha batalla dialéctica á parella. Por iso é tan importante». Xosé Luís Regueira Fernández, estudoso dos usos e dos modelos orais do galego, vén de ocupar unha cadeira na coruñesa Rúa das Tabernas, sede da Real Academia Galega.

ESTA É A VERSIÓN ÍNTEGRA DA ENTREVISTA.

A QUE SE PUBLICOU O DOMINGO 3 NA EDICIÓN IMPRESA PODE ADQUIRIRSE AQUÍ

Nas sociedades da información, son os medios os que constrúen o modelo para os novos falantes...

Si que é certo que os medios amplifican o discurso público, pero isto hai que tomalo con certa precaución. O inglés da BBC, que é o inglés británico estándar no que gastamos cartos para aprender, calcúlase que o fala entre un 9% e un 12% da poboación británica. E isto tendo en conta que a BBC ten 90 anos de existencia e os centos de anos de imperio británico! A lingua máis prestixiosa do mundo! Que xornalistas, actores ou políticos falen un certo idioma non quere dicir que a xente o adopte.

Nos medios públicos de Galicia ofrécese un dobre modelo: presentadores que falan un galego correcto no gramatical, pero cunha entoación e unha fonética, moitas veces, pouco galegas e, por outra banda, actores en espazos humorísticos con fonética moi galega, pero cun idioma menos pulido...

O caso de Roberto Vilar non o podo entender, porque ten un galego excelente e fai unha mestura de frases en galego e castelán á que non lle vexo sentido. Porque unha cousa é meter castelanismos para achegarse ao público, como unha chiscadela, e outra... Por outra banda, os actores de ‘Era visto!’, Touriñán, Fábregas, Federico Pérez, Marcos Pereiro, Patricia Vázquez... -todos, excepto Manquiña-, son actores que falan extraordinariamente ben en galego. Despois, nas series hai exemplos como Luís Iglesia, que, ademais, é de Lugo, de Riotorto...

A este último elixiuno vostede como a voz do Dicionario Fonético do Galego, o que aprende a pronuncia das palabras...

Home, claro. Como non o había facer? É alguén que ten todo o que se lle pode pedir, ten moi boa voz e podía pronunciar as vogais abertas e pechadas como eu quixese; facer ata catro variantes... e con conciencia do que pronuncia.

Logo de máis de 25 anos de medios públicos galegos, que balance fai?

Logo deste tempo, aínda non se fixo un estudo do impacto da TVG e da RG na actitude dos galegos cara a súa lingua. O ‘Xabarín’ foi a cousa mellor feita da TVG: os nenos queren escoitar a música dos irmáns maiores e, ademais, as dobraxes das series están moi ben feitas. Calquera lle di a un pequeño que vexa ‘Shin Chan’ en castelán despois de telo visto en galego! O que hai que botarlles en cara aos da TVG é que á xeración que medrou co ‘Xabarín’ abandonárona completamente. Nunca houbo programación para adolescentes e mozos -ou moi pouca- e volveuse apostar pola xente maior e de extracción rural.

Un dos últimos debates a conta do idioma na TVG foi que lle pediron a unha presentadora de informativos que deixase de usar a gheada.

O da gheada nos medios non é de normativa, senón de actitudes. Eu lembro que a Cristina Ramos, que é canaria, apartárona dos informativos de TVE porque ten acento canario e houbo moitas protestas. O modelo de lingua culta en galego non ten gheada e en informativos pídeselles este modelo. Eu creo que ‘A Revista’ é un magacín no que cabe perfectamente a gheada de Lorena Pose, que a ten de xeito natural e non impostada.

Podería pór tres exemplos de bos modelos de lingua en cada un dos partidos políticos con representación parlamentaria en Galicia?

Aí xa me metes nun apuro. Nos do PSOE diríche Pablo López Vidal, que é de Ourense; Guillermo Meijón, de Pontevedra, ou Carmen Gallego, a que foi conselleira de Pesca, que ten un galego excelente. No BNG gústame o galego de Tereixa Paz. Tiña posibilidades Suárez Canal, que foi conselleiro de Medio Rural, porque é un home de oratoria e de recursos, pero falla nas vogais e está inzado de castelanismos...

E no Partido Popular?

Pois algún alcalde, coma o de Lalín, Xosé Crespo. No que respecta ao Goberno da Xunta, é terrible. E o peor de todo non é a calidade do idioma que falan eles.

E logo de 30 anos de galego no ensino e de normalización, como é que se perden falantes e a transmisión xeracional? Que se fixo mal?

Non é que se fixesen cousas mal. É que se fixeron ben moi poucas cousas. É unha normalización estética cara fóra que nunca freou o avance do castelán. Nas escolas, tanto en galego como en castelán, apréndese gramática, sintaxe..., pero non se usa a lingua. Non falemos xa de idiomas estranxeiros... A Lei de Normalización nunca chegou a cumprirse. Non se está a impulsar nada e tampouco se apoian as iniciativas soltas individuais. Fixo máis Reixa nos 80 cando montou Os Resentidos!

Algo positivo?

Nas aldeas, adquiriuse confianza e agora ves os carteis das festas en galego, pero os ámbitos urbanos están cada vez máis desgaleguizados, aínda que haxa máis xente ca nunca con conciencia e favorable o galego. A situación ideal sería que a xente falase galego con normalidade e non coma un xeito de resistencia.

Son as clases traballadoras, as que mantiveron viva a lingua outrora, as que más rápido se desgaleguizan nas cidades. Por que?

Pois porque aínda que falen galego os intelectuais, os políticos... certas elites urbanas,o poder económico de verdade, o da empresa, segue a estar do lado do castelán e iso a xente percíbeo.

Moitas veces, a xente que quere dar o paso de falar galego, os chamados neofalantes, atópanse coa displicencia e unha ollada de superioridade dos falantes de vello, dos chamados paleofalantes...

Si que é certo. Eu escoiteillo á xornalista Belén Regueira. Tamén che podo dicir que cando eu era rapaz, en Vilalba, os rapaces da burguesía vilega falaban castelán. Cando ían estudar a Santiago, algúns deles volvían a Vilalba de progres e falando un galego culto e os que falabamos galego de sempre pensabamos: “Mira, neniño, ti aprendiches a falar galego onte e eu levo toda a vida”. Trátase dunha reacción máis social ca lingüística e non ten ningún sentido facer iso coa xente que se achega. Hai que esixirlle corrección a quen se lle pode esixir.

E a quen se lle pode esixir?

Pois a un xornalista que ten o galego como a súa ferramenta de traballo. Na Galega hai exemplos execelentes, coma Alberto Mancebo, do 'Galicia Noticias'. Nun xornalista, a calidade do seu galego forma parte da calidade do seu traballo. No caso dun avogado non é tanto así. Eu teño falado disto con Paco Campos, que foi director xeral da RTVG. Nos medios telo moi fácil. E non estou a falar de botar a ninguén, senón de poñer en postos de máis visibilidade a xente que fala mellor. Se queres volver á primeira liña, xa sabes o que tes que facer. E seguro que se preocupaban e poñíanse ao día.

De todos os xeitos, e aínda que vaian callando na linguaxe popular vocablos como padiola, adestrar ou traveseiro, grazas ás retransmisións deportivas, hai moita xente que segue a pensar que o galego da TVG ou da Radio Galega é algo artificial, moi distinto ao que falan eles.

E iso que habería moito que falar das retransmisións deportivas, que son terribles! É un pouco normal que haxa esa reacción, porque nos medios empréganse expresións que a xente do común non di. Estás manexando un discurso alleo ao deles; non se poden sentir recoñecidos. Hai unha separación clara: “Este non é dos meus”. O caso contrario sucedía en Vilalba cando Balú, un xogador caboverdiano de Burela que estivo no Vilalbés, entraba a un comercio e falaba en galego. En Burela hai tempo que están afeitos, pero en Vilalba ninguén o agardaba e chamaba a atención.

Aínda non están familiarizados os galegos con ese modelo de lingua culta...

Non podemos compararnos coas linguas de Estado. O castelán de Lope de Vega, a lingua da Corte, da alta burguesía... foi o que pasou aos medio de comunicación públicos cando aparecen os medios falados. Trátase dunha lingua de grande prestixio social. Incluso en sitios onde non hai linguas de Estado, pero si houbo un idioma adoptado pola burguesía, como é o caso de Cataluña, hai debates e querelas sobre se se adopta un catalán máis 'heavy' ou máis 'light'. No caso de Galicia, a burguesía sempre escapou do galego, houbo só unha clase ilustrada, unha burguesía cultural que realmente eran altos funcionarios, intelectuais, políticos, sindicalistas, asociacións profesionais...

Si, xente de clase media alta e con poder adquisitivo para o que son os promedios en Galicia, pero non a posuidora dos medios de produción. Porén, vimos de celebrarlle o Día das Letras a un empresario, Valentín Paz Andrade, que fixo unha defensa do idioma e da identidade...

Paz Andrade era un avogado e logo foi empresario. Forma parte das xeracións do galeguismo ilustrado de preguerras, cun galeguismo ascendente. Se coa Guerra Civil non se cortase aquela vontade, hoxe seriamos un país diferente. Aínda así, eu penso: “Non imos ser capaces de manter, de levar adiante a nosa cultura ou é que en verdade Galicia non é máis ca unha provincia máis de España?

Dicía o anterior presidente da Real Academia, Xosé Ramón Barreiro Fernández, que o grande problema para a supervivencia da lingua está nas mulleres novas, que son as que transmiten lingua materna e que foron criadas en castelán. Por que esa división sexual?

Forma parte do propio proceso de construción dos xéneros. Daquela, aos nenos e ás nenas se lles falaba a todos en castelán, pero cando tiñas once ou doce anos decatábaste de que o mundo do traballo e dos homes era en galego e para reafirmarte como home pasas a falar galego e o castelán queda como cousa de nenas. Na adolescencia é cando se producía esa división: os rapaces pasan a falar galego e as rapazas seguen co castelán.

Sobre este aspecto, hai algúns anos, cando a actriz Isabel Blanco presentaba 'A repanocha' con Tacho González, a moita xente se lle facía incrible que unha rapaza nova, guapa e loura falase con ese acentazo...

Ela tenme contado que nalgunha ocasión ata que teñen dito que só lle faltaba o sacho ou que daba gusto escoitala cando presentaba uns premios e empregaba un rexistro máis formal. Isabel Blanco foi a primeira copresentadora da TVG que falaba mellor galego que a xente que ía entrevistar. Á xente facíaselle pouco atractivo copiar ese acento; a lingua dos mariñeiros e dos labregos. Ese “parece que vés do monte” que ás veces se escoita nas cidades.

Iso non pasa con sistemas lingüísticos ben máis pequenos có galego, coma o islandés, por exemplo, que sendo un idioma de pouco máis de 300.000 falantes exporta a Sigur Ros ou a Bjork por todo o mundo...

Ou o do finlandés. Pero son linguas de Estado. Son independentes. E, ademais, son luteranos, cun grande sentido do colectivo e da responsabilidade cidadá. Aquí somos moito máis individualistas. Aquí non das xuntado 2.000 persoas para case nada, Cada un vai polo seu lado e a lingua vai nese paquete. É un retrato do país que somos.

Linlle nunha entrevista que lle fixeron os compañeiros do suplemento A Chaira de El Progreso que pensa que o futuro do galego é dos galegofalantes. E non haberá que achegarse aos que aínda non o falan, para que a lingua teña realmente un futuro?

Por suposto. Non podes mandar mensaxes excluíntes. Mesmo o nacionalismo sabe que ten que abrirse á sociedade castelanfalante. Se te fixas, ata os lemas de campaña son ambiguos e pódense ler en galego ou en castelán. “Para que Lugo avance”, por exemplo.

Pero a idea de que o galego serve para poucas cousas non está desbotada. Segue aí...

Si que segue a funcionar hoxe iso de que falar galego é útil para moi poucos usos sociais e económicos e cando se viu que era útil, a normalización lingüística fixo todo o posible por non poñer en perigo a primacía do castelán. E de aí a idea de que o galego só cho piden para ser presentador da TVG. Despois, nos últimos anos, están eses grupos que transmiten que o galego é unha rémora, un impedimento. É algo moi grave, porque están a sementar desconfianza e facéndose eco en política e en certos medios. Non cren na autonomía. Non cren en Galicia e non queren ser Galicia.

E que facer para seducir falantes?

Do pouco que se ten feito estivo a campaña aquela de 'Fálalle en galego', feita polo 82/83, que foi moi deostada polos partidos que daquela estaban fóra do Parlamento. Se estamos orgullosos do polbo da ría e dos percebes do Roncudo, tamén temos que estalo do galego. Hai que deseñar estratexias para que os rapaces teñan contacto co galego activa e pasivamente. Facer visible todo o mundo cultural que se está movendo: redes sociais, blogs, música, teatro... Os rapaces que se xuntan nas cidades para petar nun local de ensaio non poden pensar só no castelán ou no inglés.

Que vexan que é cousa deste tempo, logo...

Hai que achegar a innovación e a creación, calquera elemento de modernidade. Que vexan que o galego é tamén de xente interesante e non só dos avós nas aldeas. O galego ten sido históricamente a lingua das causas nobles neste país: da igualdade da muller, da ecoloxía, da innovación cultural. Hai que apoiar eses rapaces que están a traducir software e investir en sectores estratéxicos coma os recursos informáticos. Son cousas que pagaches unha vez e xa está e ás que se vas multiplicar o investimento. Non coma a campaña aquela do bipartipo do 'E logo!', que foi carísima e que nunca cheguei a entender.

A Academia e outras institucións que defenden a lingua non semellan institucións que se vexan moi próximas ou moi modernas para o común da cidadanía...

As academias son institucións debedoras do seu tempo, da Ilustración francesa, que están plantexadas así. Que funcionan desa maneira tan particular e que teñen unha composición híbrida, de elites culturais. Non hai filólogos só ou escritores, senón tamén avogados, arquitectos, médicos. E logo pídeselles que fagan unha gramática ou un dicionario. O importante é que vaian saíndo cousas e que os cidadáns teñan recursos mellores.

Comentarios