jueves. 06.05.2021 |
El tiempo
jueves. 06.05.2021
El tiempo

Xosé Barato: ''Penélope Cruz preparou un baile no mesmo tempo que eu a obra''

Xosé Barato acabará por chamarse Lucas. Confesa que ao seu pai sempre lle deu por chamarlle Lucas malia chamarse Xosé Luis. Pero foi Lucas para o personaxe que fai en '18 comidas', a nova película de Jorge Coira, e na peza teatral 'O segredo dos Hoffman', na que encarna un bailarín de ballet que é homosexual. O Lucas teatral acode ao enterro da súa avoa e alí reencóntrase co seu avó (Ernesto Chao), a súa nai (Belén Constenla) e máis a súa irmá (Rebeca Montero). A peza que representan este xoves está baseada na novela homónima que foi adaptada por Roberto Salgueiro.

PREGUNTA: Vostede entrou no negocio do espectáculo a través do teatro, pero levaba moitos anos sen subir a un escenario. Que o atraeu deste personaxe?
RESPOSTA: Ernesto Chao e Rosa Álvarez chamáronme, lin a novela e tardei dez minutos en dicir que si. O personaxe é moi interesante e dende que deixara a miña compañía, Teatro Barato, non volvera facer nada porque andaba facendo cousas para televisión. Os que nos criamos no teatro, temos algo que nos chama.

P: Non sei se lle pasa o mesmo coa televisión, agora que leva un tempo sen traballar nese medio.
R: Tamén pasa, si; pero o que queremos os actores é traballar. Agora ando con esta obra e vou facer unha adaptación de 'Doentes', de Roberto Vidal Bolaño, que vai dirixir Gustavo Balsa.

P: A súa última participación en cine foi en '18 comidas', a película de Jorge Coira aínda por estrear. Nese filme improvisa moito, algo que non se permitirá en 'O segredo dos Hoffman'.
R: Non, non se pode improvisar, aínda que o bo do teatro é que tes máis tempo para preparar as cousas. Nesta obra dispuxen de dous meses para preparar o meu personaxe, que seica foi o mesmo tempo que dedicou Penélope Cruz a preparar un número de baile en 'Nine'. De calquera xeito, non está mal dispor de dous meses para traballar o teu personaxe, para probar camiños e saber se te equivocaches.

P: Márcase un baile na obra, mellora o de Penélope Cruz?
R: Uf! Eu non son bailarín profesional, pero son actor e traballo co meu corpo. O meu baile veu por un problema de que precisabamos tempo para un cambio de decorado, e por iso fago un baile simbólico. Estiven preparándome co bailarín David Loira, de Pisando Ovos. O meu baile é accesible, como o de calquera actor que intente bailar.

P: Ese número foi o que máis lle custou para armar o personaxe?
R: Todos os personaxes, absolutamente todos teñen a súa dificultade; non hai ningún doado. Era a primeira vez que facía un personaxe de sexualidade diferente á miña, porque el é homosexual.

P: Evitou o tópico de cargar no xesto amanerándoo.
R: Non, en absoluto. Intentei facer un bailarín, que ten presente o seu corpo e ten unha sensibilidade e un xeito de moverse. Hai tópicos que non son certos, como o de que os homosexuais se moven dun xeito determinado. Máis importante que iso son os conflitos que hai nos personaxes. Todos temos unha familia e todos sufrimos as relacións familiares.

P: Non me estará recoñecendo que se inspirou na súa para construír a Lucas.
R: Todos nos podiamos inspirar nas nosas familias, pero non é o caso porque os Hoffman non se parecen á miña familia: son burgueses e varios deles dedícanse á arte. Todas as familias teñen un cadáver no armario; no caso desta obra, o cadáver é a avoa, pero todas as familias gardan mentiras e merdas. Os sentimentos son iguais en todas as familias.

P: Vostede estivo relacionado con outra familia, 'A miña famosa familia', un programa no que buscaban descendentes de persoeiros galegos.
R: Si, Ficción Producciones comprou o formato de 'My famous family'. O que faciamos era investigar na árbore xenealóxica dalgún persoeiro para chegar ata o presente contactando con algún descendente que non sabía do seu parentesco. Collemos a Álvaro Cunqueiro, Rosalía ou a Fernando de Casas, e chegamos á xente coma un rapaz de Valga, que era descendente da Bela Otero e non o sabía. Aos descendentes dabámoslles pistas para que intentasen descubrir de quen descendían. En parte era documental e en parte, reportaxe. Non como en 'Historias de Galicia', que era documental porque partía dunha tese para intentar demostrala.

P: 'Historias de Galicia' valeulle un premio Mestre Mateo ao mellor comunicador. Para vostede era un papel máis?
R: Si, é un personaxe que non es ti. Eu fun contratado como comunicador. Os textos que che entregan son técnicos e tes que facer que o espectador os comprenda, comunicalos. Non ten nada que ver ser bo periodista con ser bo comunicador. Iso estamos véndoo cada día nos telexornais, en que os presentadores parecen actores cada vez máis.

P: Vostede reivindícase como guitiricense malia ter nacido na Coruña.
R: Deuse a circunstancia de que o meu pai emigrou para A Coruña para traballar, pero eu sempre digo que son de Guitiriz. Estou vencellado a Santiago, levo doce anos aquí, é a cidade na que pago o imposto de circulación do meu coche. Aprendín moito na Coruña, pero síntome de Guitiriz; concretamente das Escádebas,que está na estrada de Guitiriz aos Vilares. O meu pai vive alí, nun lugar de sete casas. No veran sempre vou, o que teño está alí.

Xosé Barato: ''Penélope Cruz preparou un baile no mesmo tempo que...
Comentarios