Xogos florais nos parlamentos

NOS TITULARES,  técnicos de Facenda aseguran que ata o 25% da a economía é opaca ao fisco. É dicir, un de cada catro euros non ten existencia legal nin contribúe ao benestar de todos. As maiorías impoñen a súa lei: masacran ao pobo con impostos, empobrecen ás clases medias pero son incapaces de aflorar o Amazonas de euros que escapan polas cloacas. Pero isto non chega aos Parlamentos. Hai moito ruído e incapacidade para enfrontar unha situación de emerxencia económica. A política hai tempo que deixou de ser a arte de resolver problemas xuntos.

Ata a rúa, pola portavocía dos xornais, chega a noticia de que un de cada catro nenos vive na pobreza. As familias carecen de recursos para sacalos adiante, di o último informe de Save the Children. Isto na rúa, por onde discorre a vida real, porque nos Parlamentos alicatados de policía, dedícanse a outras cousas.

A cultura que limpou a caspa do país, está en caída libre segundo a Sgae. Teatro, danza, música, cine soportan baixadas arredor do 40%. Colapso tan brutal semella un axuste de contas do goberno contra a cultura. Con seguridade os contables da Facenda que subíu o Ive saben que o 21% de cero, é nada. Pero, ai, a cultura ten prohibida a entrada nos Parlamentos. E iso que é estratéxica para o país, unha ferramenta cargada de futuro. Recorte tras recorte imos camiño de nada.

O 95% da xente pensa que os políticos son corruptos. Durante moito tempo tentaron convencernos de que esa lacra afectaba a unha minoría. Agora sabemos que a corrupción non é episódica: é sistémica e pandémica. Chega ata a médula dos partidos, agora sobre todo ao partido do goberno. Afecta a Autonomías, sindicatos e Concellos. O caso de Galicia é alarmante. E o de Madrid, Navarra, Andalucía, Valencia… Pero agóchase o lixo baixo as alfombras. As medidas para empuñar o bisturí contra a corrupción teñen vetada a entrada nos Parlamentos, algún deles tan innecesarios e somnolientos como o Senado.

Nenos, corrupción, cultura, economía mergullada: só catro exemplos que saltaron estes días aos medios. Levan anos con nós pero os políticos non queren enterarse. Comen e beben ben nos Parlamentos. Teñen boa luz e calefacción, cómodos despachos. Protéxense do pobo con cinturóns de policías. Blindan privilexios, subas de soldo, pensións e complementos insultantes.

A xente, atónita, pregúntase como é posible que se lles encargamos a xestión do público, traizoen esa encomenda e declaren a súa incompetencia entregando o público á xestión privada. Tantos Parlamentos para isto? Están ao servizo do pobo ou teñen outros donos a quen servir? A que dedican o tempo que lles pagamos? A desesperanza da xente di: «Os políticos?… Andan no seu». E cal é o seu? Pois iso, xogos florais nos Parlamentos.

Comentarios