Jugada magistral

ADE2201P3F1.JPG
photo_camera ADE2201P3F1.JPG

OS PLEITOS son como as partidas de xadrez. Convén ser paciente, estar atento ós movementos do rival e ter sempre agochada unha xenialidade. Así o entende e aplica o Anxo, que fixo do Dereito a súa profesión e do xadrez a súa devoción. Avogado vintecatro horas, axedrecista as fins de semana e escritor menos asiduamente do que os seus amigos desexamos, este chantadino de Sandiás fai boas as teorías que din que por moi caótico que nos pareza o mundo, todo obedece a unha orde lóxica. Sempre dicindo que deixa de fumar e sempre co cigarro na man. Sempre disposto a contar un chiste de letrados. Sempre con présa por marchar pero nunca remiso a tomar un viño. Sempre indiferente ó fútbol pero sen deixar de mirar de esguello cando xoga o seu equipo. O Anxo xa cumpriu aquelo de ter un fillo, plantar unha árbore -as de froita na finca onde pasa o pouco tempo que descansa- e escribir un libro que recolle todo o anterior ‘As árbores das idades’. Agardemos que aínda nos teña reservado moito máis…

Comentarios