Xoán Vizoso: "O ano pasado só se vira un pelícano en toda a Península; é estrano velo"

Pola máis pura casualidade foi como este mariñán conqueriu unha instantánea do paso dunha especie exótica para a Costa, que adoita vivir no Báltico e Turquía
Xoán Vizoso, nas inmediacións do areal focense da Rapadoira
photo_camera Xoán Vizoso, nas inmediacións do areal focense da Rapadoira

A instantánea que onte percorreu as redes sociais da Mariña e da ornitoloxía en xeral, na que se podía ver un pelícano ceñudo —propio do sudeste asiático— pousado na praia barreirense de Arealonga, causou estupefacción entre os afeccionados á fauna avícola. Esa imaxe coa que saltou a nova débeselle a un profesor mariñán, ao que dende hai tres anos lle encanta facer fotos de aves. "Eu non teño nada de especial, nin son ornitólogo, nin experto. Tan só tiven a sorte, —que non creo que se me volva presentar en moitos anos ou en toda a miña vida—, de ter visto un exemplar que é raro ver aparecer por esta zona. Foi algo extraordinario, froito dunha casualidade", admite o fotógrafo amateur.

Por que foi ese día a Barreiros?
A verdade é que fun ata Barreiros a mañá do mércores porque os ornitólogos estaban observando outra ave que non se deixa ver pola zona, aínda que é máis común que o pelícano: tratábase do falaropo de Wilson —similar ás máis pequenas das nosas gaivotas—. Empecei por Arealonga, para facer tempo e estando onde o bar A Yenka, un inglés que vive en Trabada, Stephen, avisóume de que había un pelícano no outro extremo da praia. Iso foi entre as once e as doce do mediodía. Collín o equipo e fun ata alí.


"Ía na procura dun falaropo de Wilson cando un inglés que estaba en Arealonga advertíume da presencia do pelícano"


Que impresión lle deu velo?
Mirei cos prismáticos —ao principio pensei que era un paxaro exótico pero enseguida se apreciaba que era un pelícano—. Coloquei o trípode, o obxectivo e en efecto, alí estaba. Pousado, coma descansando, ao borde do mar. O británico e máis eu estabamos a máis de 300 metros del para non asustalo. Aínda así era consciente da nosa presencia, pero non fuxíu. Quedou repousando media hora e despois alzou o vó. Xa para ese momento, había varios ornitólogos que se achegaran e que o fotografaron ao marchar.

O pelícano estaba só, a que atribúe que estivera en Barreiros?
Como non son experto e vou aprendendo segundo avanza a miña afección fotográfica, consultéino con xente que sabe da materia. Cren que se debeu despistar da ruta migratoria do grupo co que debía ir. Tamén me dixeron que podería ser un pelícano ceñudo, porque ten unha especie de pelos erizados na nuca. Adoita vivir en Turquía, no Mar Báltico, e exténdese ata India e mesmo China. Ricardo Hevia, membro do comité de rarezas de Seo/Birdlife, dixo que en toda a Península Ibérica o ano pasado só viron un, en Teruel e logo, probablemente o mesmo, estivo tamén en Cantabria.

Por que se puido ter extraviado?
Quizais foi unha cuestión de correntes, de fenómenos meteorolóxicos ou simplemente que se despistou da ruta. As aves migratorias poden chegar facer 25.000 kilómetros dúa veces ao ano, dun círculo a outro.

Era a ave máis rara que tiña visto?
Sen dúbida. Para dar a nova, fixen unha foto co móbil do visor da cámara. As fotografías non me saíron moi ben porque ademais barruzaba e facía aire. O paso migratorio é máis abundante desde Estaca de Bares e é moi raro que paren no Cantábrico. Aínda por riba é máis sinxelo que un pelícano se deteña nunha zona de auga doce. Aparte, as tormentas de primavera e do outono poden facer que aparezan exemplares estranos pola Mariña, coma aconteceu coas gaivotas polares que estiveran en San Cibrao.

Nun dos seus lugares favoritos de observación, como é a ría de Foz, hai tamén águias pescadoras?
Sí, e son distintas ás que hai na ría de Ribadeo. Pero tamén me gusta andar polas praias de Barreiros, polo estuario ribadense, a Serra do Xistral, a da Cazolada, Bares e en xeral, onde poda ver o paso de aves marítimas. Velas tamén depende das mareas —cando baixan, comen e aproveito para captalas —. Teño fotos en https://www.flickr.com/photos/130242165@N02/.

Comentarios