jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

Xoán Curiel: ''Cantar en galego en Galicia é difícil''

Despois de anos tocando por garitos de toda España e incluso do estranxeiro —incluida unha xira brasileña o pasado febreiro—, Xoán Curiel (A Fonsagrada, 1975) presenta o seu primeiro disco, Nai, unha homenaxe ao feminino. Este sábado actúa nesta vila luguesa, terra onde viviu ata os once anos, e que deixou nel unha fonda pegada no seu xeito de estar no mundo. Un mundo ao que, según di, lle falta dozura: toda a que verte no seu primeiro álbum.

Como músico vostede fixo o camiño ao revés. Despois de tocar por medio mundo é agora cando presenta traballo.
Para min foi un proceso paulatino. Aprendín a tocar a guitarra tarde, con 19 anos, e o primeiro concerto dino aos 23.

Na Fonsagrada?
Non, en Noia. Na Fonsagrada vivín ata os once anos. O meu pai era dalí. Logo fun para Betanzos e agora vivo en Santiago, onde empezei a miña carreira como cantautor e actor.

Non obstante, parece que ao final se decantou pola música.
Si, aínda que estou na compañía Os Quinquilláns. A carreira musical foi tocando en tódolos pubs de Galicia. Logo vivín en Madrid e Barcelona .

Tamén pode presumir dunha carreira internacional...
[Risos] Si, por agora o internacional é polas miñas viaxes, non pola promoción.

O feito de non contar cun respaldo fixo que houbera que esperar tanto por un primeiro disco.
Si. É autoproducido e supuxo tres anos de traballo.

O que si tivo foi a a colaboración de voces prestixiosas da música galega como Uxía, e incluso poetas do Brasil.
Na xira que fixen en Brasil colaborei coa poeta Gisneide Nunes, a quen coñecín en Compostela. No disco, hai dous temas nos que ela recita. Logo está Uxía, que é amiga miña.

Xoán Curiel (Foto: EPL)

A quen homenaxea Nai?
En Nai falo da terra, da auga como elemento necesario para a vida... Máis que á muller, está adicado ao feminino, e os homes tamén temos unha parte feminina.

Por que esa importancia do feminino?
Dende hai milleiros de anos vivimos nun mundo de patriarcado. Agora estamos nun mundo que prima máis a parte de acción: as guerras, por exemplo.

Pero así foi sempre, non?
Nas primeiras civilizacións había deusas mulleres. Eran civilizacións máis en contacto coa natureza. Nas grandes relixións de hoxe as mulleres quedaron nun plano secundario. Dentro deste mundo do comercio, esquécese a parte máis humana. Unha muller que ten fillos ten outra experiencia para ver a vida. E eu vexo necesaria a dozura.

Por iso este disco é un doce?
Oxalá o sexa [risos], foi o que procurei.

Esa suavidade achégana os ritmos brasileiros, incluso no xeito en como vostede canta.
Teño moita influenza do Brasil, pero tamén hai influenzas árabes, como no tema ‘A Chía’, que era una deusa indíxena colombiana, curiosamente a deusa da sensualidade, do pracer e tamén da morte.

Como foi a acollida na súa recente xira por Brasil?
Foi moi guai. Medrei mogollón como artista e tamén como persoa. É incrible a cantidade de poetas por metro cadrado que hai en Brasil. Incluso nas casas, a xente regálache poesías. En xeral, en Latinoamérica, teñen o don da palabra, de falar dende a alma. E o público foi impresionante, como abrían os ollos e as orellas, como viñan preguntarche ao final por Galicia e o galego.

Por que é máis fácil cantar en galego fóra que na casa?
Para min é porque temos unha ferida moi fonda sen cicatrizar, que  pasou de pai a fillos.

Este sábado presenta o disco na Fonsagrada, o seu primeiro concerto nesta vila. Supoño que será para vostede unha ocasión moi especial.
É moi especial. Sobre todo porque hai catro anos que morreu meu pai e levamos as cinzas alí. Para min, A Fonsagrada é a raíz.

¿Como influíron estas terras na súa música?
Influiron moito en canto as letras, non tanto en canto a música. Pero sobre todo, na miña forma de ser, e nesa idea que subxace no disco.

Xoán Curiel: ''Cantar en galego en Galicia é difícil''
Comentarios