Domingo. 17.12.2017 |
El tiempo
Domingo. 17.12.2017
El tiempo

"CUSTA IMAXINAR QUE OS SERES VIVOS DA TERRA SEXAMOS OS ÚNICOS EN TODO O UNIVERSO"

Xoán Cardelle: "O ceo de Guitiriz ofrécenos a satisfacción de ver a Vía Láctea e unhas 3.000 estrelas"

Xoán Cardelle, no mirador do Cordal de Montouto
Xoán Cardelle, no mirador do Cordal de Montouto
A agrupación astronómica coruñesa Ío organiza esta noite, xunto co Concello de Guitiriz, unha observación na aldea do Vilariño, a partir das 22.30 horas, seguida dunha andaina pola Ruta da Pedra de Díaz Castro. O seu presidente convida a todos os veciños a sumarse a esta experiencia e lembra outras actividades feitas no marco do Verán Astronómico

Van facer unha observación e unha andaina nocturna, que pode andiantar do programa?

Dentro da colaboración co Concello de Guitiriz e no marco do Verán Astronómico, a idea é facer unha observación do ceo dende O Vilariño a partir das 22:30 ata que saia a lúa, arredor das 00:00 para poder iniciar a andaina aproveitando a súa luz.

Que lle diría á xente para animala a participar?

A noite ten unha beleza propia, distinta da do día. O ceo estrelado é un espectáculo abraiante e gratuíto que fai despertar a nosa curiosidade e ao mesmo tempo poderemos ir escoitando os sons da noite e descubrindo a gran diversidade da fauna nocturna.

Este acto clausura varias actividades en colaboración co Concello, coma unha mostra sobre contaminación luminosa. Para os profanos, engloba este concepto? 

Chamamos contaminación luminosa a calquera efecto negativo derivado do uso da luz artificial pola noite. Non cabe dúbida que a luz artificial é un grande avance para a nosa vida, pero esta iluminación artificial debería de cumprir certas condicións para evitar o seu impacto no medio ambiente e na saúde humana e a dilapidación innecesaria de recursos. A luz artificial hai que usala só onde se necesita, só cando se necesita, en cantidade suficiente e non excesiva e co espectro axeitado.

"Temos tecnoloxía suficiente para evitar a contaminación luminosa, o que se precisa é usoar os Led con 'sentidiño', optando por luces cálidas"

Cales son as súas consecuencias?

A contaminación luminosa afecta a todos os seres vivos do planeta: vida mariña, movementos migratorios das aves e provoca graves desequilibrios na fauna e flora nocturna. Supón un sobreconsumo de combustibles fósiles, enerxía e recursos naturais porque gastamos moitísmo mais do que precisamos. Incide sobre a saúde humana ao alterar o 'reloxo biolóxico'e inhibir a secreción da hormona chamada melatonina, que é a encargada de regular moitas funcións fisiolóxicas.

Cre que a xente ten conciencia disto, vese coma un problema ou pasa desapercibida?

A maioría da xente descoñece os problemas da contaminación luminosa porque aínda que levemos iluminando a noite pouco mais de 100 anos a sobreiluminación prodúcese nas últimas décadas e o noso coñecemento dos efectos negativos da luz artificial pola noite é moi recente. O problema agora vese agravado coa implantación masiva de Led brancos de alto compoñente azul, que é o mais prexudicial. É preciso facer máis divulgación para transmitir con rigor o problema que representa a contaminación luminosa e o que é máis importante, o fácil e beneficioso para todos que é reducir este tipo de contaminación.

Cales serían os pasos a dar para solventala ou polo menos reducir o seus efectos?

Neste momento temos a tecnoloxía suficiente para evitar este tipo de contaminación. Ben utilizados, os LED poden supoñer un gran avance pola súa alta eficiencia enerxéticas e as posibilidades que ofrecen para regular a iluminación. O que se precisa é usalos con 'sentidiño' e sempre optando, para a noite, por luces cálidas, con temperaturas superiores inferiores aos 2,700 K.

"O ceo e a paisaxe nocturna son un gran patrimonio cultural que pode representar un valioso recurso de turismo sostíbel"

Acoden con regularidade ao municipio, á zona do pantano ou da serra de Montouto para facer observacións, que ten o ceo de Guitiriz que non teñan outros?

A agrupación astronómica coruñesa Ío busca, como é lóxico, os ceos con menos contaminación luminosa para poder facer as nosas observacións. O ceo de Guitiriz, malia ao aumento xeral dos niveis de luz artificial, segue proporcionándonos a satisfacción de poder ver a Vía Láctea e unhas 3.000 estrelas a simple vista. O ceo e a paisaxe nocturna son un gran patrimonio cultural que pode representar un valioso recurso de turismo sostíbel para un concello coma o de Guitiriz. Nos últimos anos o turismo asociado á astronomía non deixou de medrar e é evidente que un concello, ademais de ofrecer actividades de lecer e cultura durante o día, pode ofrecer tamén actividades para as noites que, con certeza, atraen moita atención.

Tamén fixeron unha observación dende o Campo da Feira coa participación de varios veciños, como foi a experiencia?

A nosa valoración desta actividade foi moi positiva. Moitos veciños achegáronse aos nosos telescopios para poder observar a través deles os aneis de Saturno, as lúas galileanas de Xúpiter e varias estrelas importantes. Tamén tivemos a sorte de que cadrara un paso longo e con moito brillo da Estación Espacial Internacional (ISS), puidemos ensinarlle á xente a simple vista como se localiza a estrela Polar e o triángulo de Verán e comprobamos con admiración como con só apagar unhas poucas luminarias xa é posíbel ver a Vía Láctea no mesmo Campo da Feira. Pensamos que demos cumprida explicación a todas as preguntas que nos fixeron debido a que nos mostraron o seu agradecemento.

Que outras actividades organiza a agrupación?

Aparte das observacións e as charlas públicas tamén traballamos con escolas, institutos e con moitas institucións, participamos en eventos como o Día da Ciencia na Coruña, organizamos cursos para a formación interna dos nosos socios, excursións e un longo etcétera.

"A contemplación e o estudo do ceo é gratis, non fan falla máis que os ollos"

Cando nace a agrupación e que obxectivos persegue?

Nace na Coruña no ano 2002 froito da curiosidade dun grupo de compañeiras e compañeiros que adoitaban ir ao planetario da Casa das Ciencias da Coruña. Hai pouco celebramos o noso 15 aniversario. Hoxe a agrupación está formada por mais de 150 persoas e somos socios fundadores da Federación de Asociaciones Astronómicas de España, así como socios de Cel Fosc (Asociación contra la contaminación luminosa). Os obxectivos seguen sendo os mesmos que no seu nacemento: gozar e facer que outros gocen coa paixón polas noites estreladas e a Ciencia da Astronomía.

Algún proxecto de futuro?

Nos próximos meses participaremos nas festas dos barrios da Coruña cun proxecto chamado A Nosa Estrela co apoio do Concello da Coruña, logo temos preparadas varias charlas de divulgación a cargo de recoñecidas astrónomas, teremos cedida a exposición 'Con A de astrónomas' e remataremos o ano cun ciclo de cine 'astronómico'.

Que consellos lle daría a unha persoa que queira iniciarse no mundo da observación astronómica?

Primeiro dicirlle que a contemplación e estudo do ceo é gratis, non fan falla mais que os ollos. Logo conseguir un planisferio ou unha guía do ceo para ir situando e recoñecendo todo o que poida observar. Existe a falsa idea de que para ver o ceo fai falla un telescopio, pero non é así. Cando coñezas as estrelas e as constelacións, podes utilizar uns prismáticos dos que teñas por casa para poder ollar cúmulos de estrelas ou detalles na Lúa que a simple vista non se aprecian. Se ves que isto xa che queda curto e estás convencido de que vas a continuar, entón é o momento de buscar o telescopio que mellor se adapte a ti.

Xoán Cardelle: "O ceo de Guitiriz ofrécenos a satisfacción de ver a...
Comentarios