jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

Xil Ríos: ''Georgie Dann fue a Suiza con cuatro gogós y se forró; yo volví de tocar allí sin un duro''

O 'XIRAREI' É UN DOS GRANDES HITS da canción lixeira galega de todos os tempos. O seu intérprete, Xil Ríos, regresa con seu 27º disco, 'O son da alma' (Pai Música), un álbum "galegocubano" que, agoira, o axudará animicamente despois de pechar o restaurante que rexentaba na súa Moaña natal e apostar polo maltreito sector da promoción inmobiliaria. Ríos móvese cómodo por Lugo. Bebe auga do tempo e cóidase de non saír baixo a treboada e "non mollar a pluma", para que a súa gorxa non se resinta e interfira na súa programación de ensaios e preparación de voz de cara as actuacións do vindeiro verán. "De novo non me coidaba nada", admite o rapsoda de Moaña.

PREGUNTA: O seu vixésimo sétimo disco...
RESPOSTA: Polo tempo que levo na música, puideron ser máis, se gravase máis asiduamente. Pero fixen parénteses de tres, catro, cinco anos... para compaxinalo coa miña vida social, co meu negocio de hostalería...

P: Segue rexentando o restaurante en Moaña?
R: Non, pecheino. Vendino todo e dirixinme ao sector da promoción inmobiliaria...

P: Coa que está a caer...
R: Dimo a min, corazón. Dimo a min. Aló foron todos os meus aforriños. Eu teño esparanzas, porque as nosas promocións son de calidade. Como din os vellos de Moaña: "Si de ésta salgo y no muero no quiero más campanas al vuelo". (Ri)

P: E que está peor o negocio inmobiliario ou o da música?
R: O inmobiliario está moi mal. E eu fixen este disco porque me facía falta volver a cantar en directo, a facer galas... Este traballo, que mestura o nosos ritmos e os cubanos, reflotoume un pouco, que estaba bastante afundido. Levantoume o ánimo, foi como terapéutico. Xa din que son cancións moi apropiadas para estes tempos de crise, para non caer na tristura.

P: No seu debut, compartiu escenario con Joan Baptista Humet, unha das voces da Nova Cançó...
R: Foi no festival da Dorna de Vigo. El quedou primeiro e eu, segundo, con 'Un anaco de pan'. Despois compuxen a miña primeira canción, 'Nosa Galicia' e Xosé María Castroviejo púxome o alcume do rapsoda de Moaña. Logo chegarían 'Miña Maruxiña' e o festival do Miño, de Ourense, o premio da Crítica...

P: E tamén a censura, ¿non si?
R: Foi coa cara B de 'Nosa Galicia', a canción 'Aos meus amigos', que fala dos mariñeiros e que foi prohibida na televisión estatal.

P: Pero, logo da Transición, chegou o mítico 'Xirarei'. Como naceu ese gran éxito da súa carreira?
R: Fomos Juan Pardo e máis eu a Londres e gravamos o tema para Philips Phonograph. E dalí a un tempo, chaman da discográfica, para gravar o 'single' en castelán.

P: E logo?
R: Pois resulta que a canción fora preseleccionada para Eurovisión.Aquel ano irían os de Trigo Limpio. Pero eu gravei a canción. A mín no me gustaba nada iso do 'Giraré', con tanto 'ghe'; sóame moi forte...

P: Non sei se sabe que Tricicle fixo un 'sketch' con esa versión do 'Xirarei' en castelán; está en YouTube...
R: (Intrigado). Pois non tiña nin idea. Tereille que dicir aos fillos que ma busquen.

P: Tamén ten grupos de seareiros en Facebook e empregaron o seu 'Falemos Galego' nun vídeo contra o novo decreto do galego...
R: Aí está a guerra agora, no idioma. A verdade é que o de internet chegou tarde para nós. Cada vez que penso que teño que pasar unha hora diante do ordenador, maldita a gana. Parece que ata o rexeito! É unha perda de tempo, a mín gústame compoñer, facer deporte; unha hora de 'footing', bici estática, mancuernas...

P: Tamén xogou ao fútbol e foi adestrador do Moaña, ¿non?
R: Adestrador, non; presidente. Iso é aínda máis ingrato que a música e o negocio inmobiliario. Non plantei na metade da tempada porque era unha ilusión que tiña o meu defunto cuñado e estaba moi maliño. Pero os follóns non valen para min; eu entendo o deporte doutra forma.

P: Algo que non fixo foi actuar para os galegos emigrados, como fixeron moitos outros cantantes e grupos galegos do seu tempo. E iso?
R: Só toquei unha vez para os galegos do exterior. Foi en Suíza e á xente gustolle moito; choraban. Lembro que un asturiano me pedira, por favor, que cantase algo en castelán. Eu díxenlle que estaría encantado, pero que o sentía moito, porque non tiña repertorio en castelán. Pero a min houbo algo da organización que non me ía moito, que non me gustou, e non quixen volver. E iso que me chamaron doutros sitios. Lembro daquel concerto de Suíza que tocara na mesma sala Georgie Dann; el foi alí con catro gogós, puxo o magnetofón e forrouse. Nós fumos desde Moaña con un camión que gastaba máis aceite ca gasolina, con todo o equipo, os músicos... e volvemos sen un peso.


P: Xil Ríos xa ten armada a banda para saír de xira, con nove músicos: guitarra, baixo, batería, percusión, acordeón, gaiteiro e tres cantareiras. E avisa: "Eu veño todos os anos ao San Froilán, e se o Concello quere contratar un artista galego, encantaríame actuar". Está movendo xa a contratación?
R: Quixeron levarme Xosé Touriñán e Marcos Pereiro, os actores de As Cantareiras de Ardebullo, que acaban de montar unha produtora artística e quixeron terme na súa nómina. Estou encantado.

P: Tamén o reivindicaron moito Os Tonechos...
R: Si, si. Senpre é bo que falen dun. Son xente moi válida; o 'Land Rober' vai moi ben.

P: Vostede aposta agora por letras máis festivas, pero empezou como cantante social. Cre que fai falla volver a aquilo?
R: Non son as mesmas as condicións sociais nin políticas. Había persecución, represión, non se podían dicir as cousas... Menos mal que nos fomos civilizando. Non creo que agora teña caso.

P: Cando empezou vostede, a principios dos setenta, era o momento da canción social.
R: Eu comecei como cantautor social solista e por libre. Coincidín cos de Voces Ceibes, pero eles eran universitarios, que estaban organizados e en Santiago. Eu era un rapaz de Moaña que cantaba o que me saía, porque vía moitas inxustizas. E tiven problemas por queixarme dos abusos aos mariñeiros, aos traballadores, problemas con armadores...

Xil Ríos: ''Georgie Dann fue a Suiza con cuatro gogós y se forró;...
Comentarios