miércoles. 20.11.2019 |
El tiempo
miércoles. 20.11.2019
El tiempo

Xestores e gobernantes

NAS actuais turbulencias sociais hai problemas graves; gravísimos, de sobrevivencia; hainos de necesidade e tamén de extrema necesidade. Unha cousa é ter posibilidade de facer unha análise e outra moi distinta padecer os problemas graves e non ter modo ou maneira de solventar a situación que se sofre. Por iso, se de algo vale a vida de convivencia nunha sociedade organizada é por confiar e esixir que os que terman do tecido social e político fagan o que for preciso para resolver os problemas.

A estas alturas da historia, século XXI, e despois das experiencias máis próximas -nese tempo histórico- de situacións parecidas á presente, é ilexitimo alegar ignorancia ou incapacidade para actuar na crise.

Cando hai 5 millóns de parados no Estado español, cando na Galiza hai comarcas cun 38% de parados, cando hai nenos que empezan a ter síntomas de desnutrición, cando hai familias enteiras sen un ingreso, é delito de lesa humanidade dicer “isto é o que hai”. Se se acepta que non hai modificación posíbel da situación que provoca o paro, pódese repartir alimentos con algún deses millóns destinados á banca. Non é admisíbel permanecer pasivo, manso, ante situacións de necesidade e de extrema necesidade. Non é tolerábel. É moi violento, para os cidadáns afectados directamente e para os que o padecemos de forma indirecta.

A política de axustes creou condicións de empobrecemento observábeis a simple vista. Era esperado. Os economistas que non adulamos os gobernos liberais europeus -os hexemónicos no presente- coñecemos como do axuste só se deriva máis empobrecemento para o conxunto dos cidadáns, dos traballadores. E, despois de empobrecer a todos, o único que se dí, agora, de forma virtual- clandestina?, é: «Isto é o que hai».

Este tipo de conduta promovida desde o goberno do Estado e mimetizada polo galego, preséntase diante dos cidadáns como se dun poder vicario se tratase. É dicer, un xestor goberna por mandato a empresa dun propietario titular. Un titular de empresa goberna a empresa dentro e fóra. O titular xestiona co que ten e co que busca e crea. O ámbito de actuación, os poderes e a maneira de exercelo, son distintos. Un empresario responsábel -e non un furón financiero-, titular dunha empresa, nunca se dirá a si mesmo «isto é o que hai» porque pode haber pouco e terá a obriga consigo mesmo e cos restantes titulares de buscar solucións. Por certo, solucións sempre hai. Se un país, unha nación, un Estado fosen empresas, desexaríamos que os gobernantes actuasen como titulares delegados da soberanía. Desexaríamos que non exercesen máis que no noso nome e non no dun poder superior e de intereses contrarios aos dos cidadáns. Desexaríamos que gobernasen e non que se portasen coma xestores. E, finalmente, pero non menos importante, que non nos tomasen por ovellas mansas, senón polo menos iguais a eles. Vamos, que non nos tomen por idiotas.

Xestores e gobernantes
Comentarios