domingo. 28.02.2021 |
El tiempo
domingo. 28.02.2021
El tiempo

Xestación subrogada: altruísmo ou negocio?

Carmen Cajide, integrante da Rede Galega pola Igualdade
Carmen Cajide, integrante da Rede Galega pola Igualdade
O debate arredor da xestación subrogada está de actualidade. Xa non é un tema tabú e os partidos políticos comezan a posicionarse ao respecto. Aurora González e Carmen Cajide expoñen as súas diferentes posturas sobre este polémico proceso de reprodución asistida. Falan de ética, dos dereitos e das liberdades das mulleres.

A regulación desta práctica de reprodución asistida non está exenta de polémica. Máis ben todo o contrario. Carmen Cajide, membro da Rede Galega pola Igualdade, e Aurora González, voceira da Asociación por la Gestación Subrogada en España, debaten sobre este tema. A semana pasada, ambas participaron nunha xornada sobre este asunto que tivo lugar en Poio.

Carmen, por que está en contra da xestación subrogada?
Carmen: En primeiro lugar quero dicir que dende o feminismo que eu defendo estamos centradas na loita contra os asasinatos de mulleres. Estamos neste debate porque nolo puxeron sobre a mesa, non porque sexa unha prioridade. Posicionámonos en contra dos ventres de aluguer porque significa utilizar a unha muller, que normalmente está nunha situación precaria, para satisfacer os desexos doutras persoas.

Aurora, por que defende vostede este método?
Aurora: En primeiro lugar, quero dicir que o xeito correcto de chamar a esta práctica é xestación subrogada ou xestación por substitución. Que haxa malas prácticas noutros países non quere dicir que todos os procesos de xestación subrogada supoñan explotación da muller, senón máis ben o contrario. O garante é comprobar que as persoas que se ofrecen a xestar estean nunha situación socioeconómica estable e que non o fan por necesidade, senón por xenerosidade. E quero engadir que eu tamén me movo contra a violencia machista, pero iso non me impide mobilizarme tamén por outras causas.

É a maternidade un dereito?
C: Dos dereitos de quen estamos falando? Dos dunha muller que aluga o seu ventre? Dos das persoas que queren ter un fillo ou filla? Dos dereitos dos nenos e nenas que non teñen quen os adopte? Cando falamos de dereitos e liberdades temos que analizar de quen falamos. Dende logo, a muller que fai de incubadora na xestación subrogada pérdeos todos. Antes de quedar embarazadas, fanlles firmar un contrato polo cal renuncian á filiación dese fillo.

A: Nós falamos dos dereitos de todo o mundo. Para nós a maternidade e a paternidade non son un dereito absoluto, pero cremos que si temos o dereito a reproducirnos. O que comentaba Carmen de que a xestante firma un contrato renunciando á filiación dese bebé tamén pasa coa doazón de óvulos e esperma. Xa sei que non ten nada que ver a xestación subrogada coa doazón de óvulos, pero se recoñecemos os dereitos de reprodución que se foron ampliando a medida que se incorporaban novas técnicas á medicina reprodutiva, temos que recoñecelos tamén para as persoas que non teñen capacidade de xestar. Iso non quere dicir que os dereitos destas persoas estean por enriba dos das mulleres. Se hai unha muller que quere xestar o fillo da súa irmá, da súa veciña ou da súa amiga, ten que ter dereito a poder celebrar ese acordo de forma libre, consciente e voluntaria. O problema é que hai moitos mitos. En España temos moi difícil escoitar a unha muller xestante porque non as hai, pero dende logo nós nos temos nada que ver con eses programas morbosos que saen na televisión onde se ven granxas de mulleres. Eu non defendo ningún tipo de explotación.

En referencia ao contrato previo ao embarazo, a muller sempre perde o control sobre o seu propio corpo?
A: Claro. Sobre esta cuestión hai distinta lexislación en distintos países, uns máis garantistas e outros menos. A lexislación que defendemos nós cumpre os catro principios da bioética, e un deles é a autonomía das partes. A xestante ten o dereito a decidir durante todo o embarazo o que quere facer: se quere interrompelo, se quere seguir adiante... No caso de que o neno poida nacer con malformacións e os pais de intención queren que aborte, iso só sería posible se ela quere. Non se lle pode obrigar de ningunha das maneiras. Isto ocorre coas regulacións garantistas. Se vemos casos como o de Estados Unidos non hai ningún estado que permita a coerción dos pais de intención sobre a muller xestante.

C: Eu creo que hai moitos casos terribles tanto para a xestante como para os pais que esperan ese neno. Este tipo de práctica só é legal en moi pouquiños países do mundo. En Estados Unidos só o é en oito estados dos 50, e nos máis pobres. Ademais, as familias españolas recorren a países do terceiro mundo para este tipo de cousas porque lles sae máis barata.

A: A xestación subrogada só está prohibida en seis estados dos 28, noutros está regulada e noutros non hai regulación pero tampouco hai ningunha norma que o impida. Nos Estados Unidos pódese facer en case todos, só que algúns teñen regulada a xestación subrogada comercial. Todos eses casos que saen na televisión danse a coñecer polo morbo que teñen, á televisión non lle interesa falar cunha familia que foi a Estados Unidos e non tivo ningún conflito porque iso non dá audiencia.

C: Os que regulan a xestación subrogada son países pobres e cando hai grandes crises.

A: A xestación subrogada leva regulada en Reino Unido 30 anos!

C: O que quero dicir é que este é un asunto comercial ata tal punto que aquí en España hai prevista unha feira de ventres de aluguer para interrelacionar as axencias do mercado. É dicir, que se xera un sistema mafioso de compra-venda de bebés.


Sometemento

"Supón utilizar a unha muller, xeralmente en situación precaria, para satisfacer os desexos doutros" (Carmen Cajide) 

Garantías 
"Que haxa malas prácticas non quere dicir que todos os procesos supoñan explotación da muller" (Aurora González) 

Xenerosidade 
"Certo sector trata de ver a subrogación como algo comercial, pero é algo humano, altruísta" (Aurora González) 

Negocio 
"En España hai prevista unha feira de ventres de aluguer para a compravenda de bebés" (Carmen Cajide) 

Liberdade 
"Estamos falando dun acordo libre e as mulleres temos capacidade de decidir o que queremos facer" (Aurora González) 


Dereitos 
"Non podemos converter o desexo de ser pai ou nai nun dereito. Poden recorrer á adopción" (Carmen Cajide)


Pode haber intereses económicos na regularización deste tipo de prácticas?
A: Certo sector trata de miralo como algo comercial, pero é algo moito máis humano.

C: Non, humano é mirar polas mulleres que teñen falta de recursos e se van ver na necesidade de facelo para darlle de comer aos fillos.

A: Na nosa proposta de lei queda ben claro que a muller que se ofreza a xestar ten que estar nunha situación socioeconómica estable.

En relación á liberdade de elección, se se dese o caso de que unha muller quere ofrecerse a xestar, por que se lle ten que prohibir? Non sería limitar súa liberdade?
C: Porque haxa catro persoas que estarían dispostas a facer iso non podes regulalo. Tamén hai quen está disposto a suicidarse e non por iso se regula.

A: É que estamos falando dun acordo libre e as mulleres temos capacidade para decidir o que queremos facer. Ofrecendo determinadas garantías evitaríamos toda a mafia das axencias das que falaba Carmen e que se están aproveitando precisamente da situación de España agora mesmo. Eles ven negocio porque saben que estas familias van a países onde non coñecen nin as leis nin o idioma e entón xorden algunhas con boas intencións e outras con finalidades menos eloxiables. Por outra parte, estamos falando dunha práctica que cumpre os principios da bioética, pero o que está pasando aquí é que determinado colectivo feminista está impoñendo a súa visión a outras mulleres que non compartimos a súa visión. Quen está lexitimado para poñernos límites ás demais? Eu penso que os límites da liberdade e do dereito da muller sobre o seu corpo están onde ela os queira poñer.

C: Estás falando desde o punto de vista de Gallardón. A idea de que o feto é independente da nai é un concepto patriarcal e que se utilizou dende antigo para controlar o corpo das mulleres. Queredes trocear o proceso, como se o embrión fose por un lado e o proceso do embarazo por outro. Con isto queredes condicionar e someter ás mulleres máis vulnerables para satisfacer os desexos duns poucos. Un desexo non se converte nun dereito. Moitas mulleres e homes quedaron sen fillos e foron moi útiles á sociedade. E se non que recorran á adopción.

Aurora, vostedes non ven a adopción como unha opción?
A: Primeiro vou contestar ao que dixo antes Carmen. A fragmentación do proceso reprodutivo é algo que se vén dando co avance das técnicas de reprodución asistida que permiten extraer os gametos, fecundar in vitro... As mulleres non somos idénticas, cada unha vive a súa maternidade segundo o seu sentir e a súa forma de pensar. Os nenos que están en adopción están aí para todos, tamén para os que podemos ser pais e nais de forma natural. Por que teñen que cargar a responsabilidade de adoptar sobre as persoas que teñen dificultade para fecundar? Hai moitas mulleres con enfermidades como cancro, lupus ou diabete polas cales non poden xestar e, ao mesmo tempo, lles impiden adoptar. Ademais, a adopción é un proceso moi longo.

C: Aí precisamente é onde temos que traballar, para que se axilicen os procesos. De feito, se lle damos dereitos a esas mulleres xestantes (como posibilidade de visita ou poder de decisión sobre o seu embarazo) ninguén recorrería á maternidade subrogada.

A: Estades confundindo cousas, estades infantilizando á muller e supoñendo que dicimos hoxe 'arre' e logo 'xo'. As mulleres que doan óvulos tamén se poden arrepentir pero, unha vez que ese óvulo está no ventre doutra muller, teñen que asumilo. Non todas valemos para mulleres xestantes e non pasa nada. A xestación é algo similar ao acollemento: hai un neno do que non poden facerse cargo seus pais e, durante un tempo, vai a outra familia que o atende ata que están preparados para recuperalo. Que che parecería que eu acollera aos teus fillos durante nove meses e cando ti estiveras recuperada e os viñeras buscar eu che dixera: "non chos devolvo que lles collín moito cariño"?

C: Sodes vós os que queredes chegar a esa situación.

Exercer como nai xestante pode implicar secuelas?
A: Se estiveramos falando dunha cousa nova que non funcionase en ningún lugar do mundo sería difícil responder. Pero como en Estados Unidos hai tempo que a xestación subrogada existe sabemos que hai mulleres perfectamente preparadas para xestar os fillos doutras persoas e, efectivamente, créase un vínculo entre as familias e esa relación mantense durante moito tempo. Chama a atención que agora as feministas empreguen o mesmo argumento que a Igrexa usaba para convencernos de que non abortaramos: ese vínculo, esa relación case sobrenatural entre nai e fillo; iso impide que as mulleres vivan a maternidade á súa maneira. Hai mulleres que ás dúas semanas de dar a luz, como fixo Soraya Sáenz de Santamaría, a vicepresidenta do Goberno, volven ao traballo e hai mulleres que queremos estar cos nosos fillos ata que comezan o colexio, e é por iso que se loitou polas excedencias do traballo. Hainas que son capaces de non xerar ese vínculo 'cristián' entre elas e seu fillo e comprenden perfectamente a diferenza.

C: Por que queres levar este tema a unha cuestión relixiosa? É que me parece absurdo, é o único parapeto que tedes para insultar ao feminismo. Ti sabes que iso é mentira porque formas parte tamén de movementos feministas. Estaste esquecendo dos motivos polos que realmente loita o feminismo e non podes estar falando de paternalismo porque somos precisamente nós as que estamos loitando contra o sistema patriarcal no que vivimos. Como non se vai xerar un vínculo entre nai e fillo? Non estamos falando dalgo místico ou relixioso, senón dun vínculo que é inevitable que se cree. Pero tamén hai secuelas físicas. Un embarazo cambia o corpo dunha muller. O chute hormonal, o embarazo e o parto teñen secuelas para esas mulleres.

A: Estamos falando de cousas diferentes. Ti estás empeñada en falar de malas prácticas e eu estou falando de prácticas éticas. Demostras moito descoñecemento porque en Estados Unidos isto non é un traballo para toda a vida. Só se poden ter un ou dous embarazos deste tipo e, ademais, non se lle permite xestar a unha muller cuxos embarazos ou partos anteriores foran complicados. Falo de paternalismo e non de patriarcado porque hai un grupo de feministas que están adoptando unha actitude maternalista cara ás outras mulleres e falan do embarazo ou do parto como se fose unha enfermidade. As mulleres estamos preparadas para parir porque levamos facéndoo miles de anos. Para a maioría das mulleres é un proceso fisiolóxico que transcorre con total normalidade. Ademais estades obviando unha cousa: se se regula a xestación subrogada, non será obrigatorio xestar para outra muller, será para as que queiran. Vós estádesvos posicionando no non e estades impedindo que as demais decidamos.

C: Dalgún xeito a dereita deste país quere facelo obrigatorio para aquelas familias sen recursos que se vexan abocadas a recorrer a esta práctica para poder alimentar aos seus fillos. Con esta regulación ábreselle a porta ás persoas que están máis desfavorecidas que, por desgraza, son moitas e teríamonos que ocupar de sacalas da pobreza.

A: Estouche dicindo que a nosa proposición de lei esixe que as mulleres teñan unha posición socioeconómica estable.

Cando Feijóo se posicionou a favor da xestación subrogada esta semana, explicou serviría para subir a natalidade. Que lles parece?
C: Efectivamente, a min o que me preocupa non é que unha asociación defenda o que considere correcto, senón o que faga a xente que ten o poder de lexislar.

A:Cando nós pedimos a xestación subrogada non pensamos nestes parámetros de subir a natalidade, pensamos nas persoas. Dedicámoslle moito tempo a estudar as lexislacións doutros países para facer unha boa proposta e adaptar todo iso ao noso sistema xurídico. De aí saíu unha proposición de lei, pendurada na nosa páxina web. Nela contémplase que as mulleres xestantes teñen que ter unha situación económica estable e, ademais, a compensación que se faría tampouco sería elevada.

C: Pero se hai un pago por ese bebé estase comercializando o ventre e máis o neno.

A: Igual que na doazón de óvulos.

C: Non é o mesmo un óvulo que un bebé. Aquí estamos falando dun neno, polo que falamos de dereitos humanos. Non ten nada que ver cun óvulo. Ti falas de pagarlle a unha muller para que xeste un bebé e iso significa converter iso nun negocio.

A: O feminismo leva toda a vida loitando porque ás mulleres nunca se nos recoñeceu o traballo doméstico ou o coidado de familiares. Segundo vós isto estaría ben se a muller xestante tivese que cargar con todos os gastos do embarazo.

C: Eu non dixen iso. Ti dixeches que era un sistema altruísta e de xenerosidade. Se é así por que lle tes que pagar? Estás falando de que unha persoa que faga algo por unha irmá ou de que se xere un negocio e se converta nun oficio?

A: Para nada pensamos en que sexa un oficio. Estamos pensando en compensar ás mulleres polo gasto que lle supón ese embarazo, porque unha muller xestante ten que comprar roupa, desprazarse para ir ás consultas...

C: Se é unha muller altruísta e nunha situación económica estable... O que creo é que ese altruísmo non existe, ou hai cartos polo medio ou non se fai.

A: A compensación existe dende hai tempo por outros servizos e o altruísmo de mulleres que xestan fillos doutras familias tamén.

C: Este é un novo xeito de violencia sexual e machista sobre as mulleres. É a utilización dos dereitos reprodutivos da muller no beneficio doutra persoa.

A: E se ela quere? Onde queda a súa capacidade de decidir e a súa vontade?

C: E eles faríano? Esas deputadas e deputados, que pensen se a eles ou ás mulleres das súas familias lles gustaría adicarse a iso.

Xestación subrogada: altruísmo ou negocio?
Comentarios