miércoles. 21.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 21.10.2020
El tiempo

Xermolos, un dinamizador da cultura

Alfonso Blanco despois de recibir o premio Ramón Piñeiro
Alfonso Blanco despois de recibir o premio Ramón Piñeiro
A asociación recibiu en Láncara o premio Ramón Piñeiro, Facer País pola súa loita a prol do espallamento dos valores culturais galegos

A asociación Xermolos de Guitiriz recibiu onte o décimo sexto premio Ramón Piñeiro, Facer País, convocado por Val de Láncara que, xunto a outras entidades, quixo recoñecer así o papel do colectivo como dinamizador e dignificador da cultura galega.

O coordinador da asociación, Alfonso Blanco Torrado, recibiu o galardón das mans da xornalista, profesora e escritora Margarita Ledo nun acto celebrado en Carracedo e que foi conducido pola periodista Tonina Gay.


O evento rematou cunha comida, na que participaron unhas 140 persoas


O premio recoñece "a forte presenza" da asociación en todos os eidos da cultura, segundo a acta, que foi lida na entrega por unha representante de Val de Láncara. Subliñou "a loita a prol do espallamento e a dignificación dos valores" da cultura tradicional galega desta entidade que promociona a música, a danza e a artesanía popular.

Rubén Aramburu, Xulio Xiz, Pilar Sampedro, Valvi e Mero foron os encargados de facer a louvanza do colectivo gañador. Destacaron a intensa actividade de Xermolos, que "dignifica o noso" e "serve de semente do porvir". Tamén apuntaron que é unha entidade que "acolle a todos", tenta dinamizar culturalmente e publicou un gran número de obras.

Estaba prevista, ademais, a intervención da escritora Marica Campo, pero non puido asistir ao acto. A pesar diso quixo mandar unhas liñas resaltando o "activismo cultural" e o amor pola lingua de Alfonso Blanco e o labor da asociación. Outras persoas, organismos e institucións que tampouco puideron desprazarse ao municipio de Láncara enviaron as súas felicitacións a Xermolos.

O coordinador da entidade agradeceu a concesión do Facer País, un galardón que estará na Casa das Palabras, un lugar aberto para todas as asociacións da zona ou aos escolares, dixo.

O programa deste décimo sexto premio Ramón Piñeiro, Facer País comezou pola mañá cunha recepción no consistorio da Pobra de San Xiao e coa firma de Alfonso Blanco no libro de honra do Concello en presenza de membros da corporación, encabezada polo alcalde, Darío Piñeiro.

Posteriormente visitaron Láncara e a vivenda paterna dos irmáns Fidel e Raúl Castro. Os actos continuaron ante o consistorio de Carracedo coa entrega do galardón, no que actuaron uns músicos. Estivo seguida dunha ofrenda floral ante o busto de Ramón Piñeiro, na que participou o irmán do galeguista lancarés, Aníbal Piñeiro, e na que o grupo de gaitas da asociación Val de Láncara interpretou o himno galego.

O evento rematou cunha comida, na que participaron unhas 140 persoas. Entre os asistentes á entrega do premio atopáronse os deputados provinciais, alcaldes da zona e concelleiros, entre outras autoridades e personalidades do mundo da cultura galega.

Xermolos, un dinamizador da cultura
Comentarios